• Novas
  • 23 de febrero de 2022

As empresas de Pontevedra propiciaron a contratación de 160 persoas con discapacidade nos últimos cinco anos

As empresas de Pontevedra propiciaron a contratación de 160 persoas con discapacidade nos últimos cinco anos

Nos últimos 5 anos, un total de 853 empresas galegas das que 116 son da provincia de Pontevedra, abriron un proceso de selección de persoal na busca de perfís que mellor se adaptaran ao posto demandado. Para este proceso, contactaron co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e con autorización como Axencia de Colocación número 1200000003.

Unha destas empresas inclusivas que aposta pola igualdade de oportunidades é Cover Global quen xa hai tempo contactou co servizo de intermediación laboral de COGAMI para incluír ao seu cadro de persoal a persoas con discapacidade. Das 115 persoas que traballan no grupo, contan con dúas con discapacidade. Segundo explica o socio administrador, Íñigo Domínguez, “non hai ningunha diferencia entre un traballador con discapacidade e outra que non a ten. As persoas que traballan aquí desenvolven o seu traballo sen ningún problema. Nos dous casos non hai ningún labor específico que non poidan desenvolver”.

Empresas como a que dirixe Íñigo Domínguez propiciaron que, nos últimos cinco anos, un total de 1.662 persoas con discapacidade tiveran unha oportunidade laboral en Galicia, destas 161 son das comarcas nas que actúa a oficina de emprego de COGAMI en Pontevedra: Caldas, Deza, O Morrazo, O Salnés, Tabeirós Montes e Pontevedra.

Unha destas insercións foi a de Rubén Lorenzo. Chegou de Pamplona a Pontevedra hai un ano e contactou co SIL de COGAMI porque precisaba traballar. O mesmo día da entrevista, a orientadora laboral comentoulle unha oferta de emprego que encaixaba co seu perfil profesional, polo que enviaron a súa candidatura. Un mes despois, tras superar a entrevista de selección da empresa, Rubén entrou a formar parte do departamento de loxística de Cover Global. “A veces falas de discapacidade e o relacionan con problemas e tampouco é así. Ao final somos xente normal e corrente que podes facer o teu traballo igual ou mellor”, expresa Rubén.

Dende o SIL, ademais de realizarlle seguimentos tanto presencias como telefónicos ás persoas inscritas na súa base de datos, tamén se encarga de contactar coas empresas ás que informa e asesora. Foron 1.603 as empresas visitadas en Galicia nos últimos cinco anos, 261 da provincia de Pontevedra. Íñigo Domínguez cre que é necesario que se informe máis ao empresariado sobre os beneficios que lle aportaría a contratación de persoas con discapacidade, segundo di “ao mellor é máis descoñecemento no sector empresarial das vantaxes que pode aportar contratar a unha persoa con discapacidade, como axudas laborais e fiscais”.

Rubén Lorenzo en pouco tempo foi acadando máis responsabilidades na empresa que apostou pola súa incorporación ao equipo. “A discapacidade limítame para certas cousas, pero non para traballar”, expresa.

Cada vez son máis as empresas que incorporan aos seus cadros de persoal a profesionais con discapacidade, se ben é certo que o SIL ten que seguir co seu labor de informar, asesorar e sensibilizar a moitas outras que, por descoñecemento, aínda non se atreveron a contratar a persoas con discapacidade e con capacidades.