As entidades do terceiro sector galego, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, reuníronse en Santiago para facer balance das cifras recadadas o ano pasado en Galicia mediante a asignación do 0’7% do IRPF ao recadro de Fins Sociais (Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social). Na rolda de prensa presentouse tamén a campaña do X Solidario deste ano “RENTATERAPIA”, que informa e anima ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro de Fins Sociais á hora de facer a súa declaración da renda.
A vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, abriu o acto explicando que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro. O que pretendemos con esta campaña, é animar á xente a que marque o recadro de “Actividades de interese xeral”, porque non estaremos pagando máis impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuir á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión social.”
“Trátase dun dereito que temos: escoller a onde van a parar os nosos impostos.”Lorena Seijo, representante da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras recadadas a través do recadro Fins Sociais durante a declaración da renda presentada o ano pasado en Galicia. Seijo apuntou que “un 55% das persoas contribuíntes en Galicia marcaron o recadro de “Actividades de interese social”. Trátase de 7.320 persoas máis que en 2015. Aínda así, temos 560.237 persoas que seguen sen marcar a X Solidaria (un total de 416.104 non marcaron ningún recadro e 144.133 só marcaron o da Igrexa). Se todas as persoas que non marcan nada optaran por participar, recadaríamos en Galicia un total de 25,5 millóns de euros (10,7 millóns máis)”
Pola súa banda, o vicepresidente e tesoureiro do CERMI-Galicia, Elías Palacio Verdini, enumerou os múltiples programas que se veñen beneficiando cada ano grazas á X Solidaria, “cada vez que unha persoa marca a X Solidaria na súa declaración da renda, está a colaborar para que as persoas en situación máis vulnerable poidan ter unha oportunidade de saír adiante. De aí a importancia de campañas coma esta para as nosas entidades".
Neste sentido, Elías Palacio destacou a importancia que as entidades lle otorgan á transparencia nestes datos, “queremos apuntar que existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan. O diñeiro recadado destínase integramente a proxectos concretos que se presentaron previamente ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e en ningún caso se destina ás estruturas das entidades.”
O vicepresidente do CERMI recalcou para finalizar que “Marcar a X Solidaria non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos, e ademais é importante recalcar que pódense marcar ambos os recadros (o da Igrexa, e o de Fins Sociais) duplicando así a solidariedade: ambas asignacións suman 0,7+0,7= 1,4%”