ASOTRAME continúa co proxecto Como en Casa que financia a través da X Solidaria
  • Novas
  • 11 de junio de 2021

ASOTRAME continúa co proxecto Como en Casa que financia a través da X Solidaria

A Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (Asotrame) celebrou o pasado mes de febreiro os tres anos da posta en marcha do proxecto Como en Casa. Trátase dunha vivenda de estancia temporal situada no Barrio das Flores en A Coruña, ao lado do complexo hospitalario CHUAC, onde familiares de pacientes ou de ex-pacientes sometidos a tratamentos oncolóxicos de longa duración, prioritariamente de cancro hematolóxico, poden facer uso dela mentres dura o ingreso hospitalario da persoa familiar, evitando os longos e custosos desprazamentos.

Neste último ano, a causa da pandemia, extremáronse as precaucións en canto ao uso e mantemento da vivenda, tendo que realizar limpeza e desinfección a cargo dunha empresa especializada entre a estancia dunha familia e outra.

Durante o ano 2020 beneficiáronse deste proxecto 11 familias ás que non lles supuxo custo algún a estancia de pernocta na vivenda. O financiamento deste proxecto Como en Casa é sufragado a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social da Xunta de Galicia, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF de todas as persoas que, cando realizan a declaración da renda, marcan o recadro da X Solidaria.