• Novas
  • 09 de junio de 2021

CLUN asina con COGAMI un compromiso pola inclusión das persoas con Discapacidade de Galicia

CLUN asina con COGAMI un compromiso pola inclusión das persoas con Discapacidade de Galicia

Co obxecto de sumar esforzos para favorecer o benestar social e a inclusión laboral das persoas con discapacidade en Galicia, CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) asinou un acordo de colaboración con COGAMI. O documento foi subscrito por Juan Gallástegui, Secretario Xeral de CLUN, e Ramón Sestayo Lestón, Vicepresidente Primeiro de COGAMI.

No marco desta alianza, ambas entidades comprométense a impulsar proxectos e accións orientadas a posibilitar a integración socio-laboral, en igualdade de condicións, de persoas con discapacidade nas empresas que forman parte da cooperativa CLUN.

O acordo, que constitúe un importante impulso para fomentar a normalización das persoas con discapacidade na cooperativa CLUN, foi subscrito hoxe, martes 8 de xuño, ás 12:00 horas na sede de CLUN en Ames.

“Queremos sumar ao avance do noso territorio, incorporando a diversidade nos nosos equipos de traballo. Impulsar a inclusión laboral de persoas con discapacidade en Galicia, redunda en beneficio de toda a sociedade”, asegurou Juan Gallástegui. “Este acordo é unha mostra máis do compromiso de CLUN con Galicia”, concluíu.

O vicepresidente de COGAMI agradeceu a colaboración de CLUN, explicando que “é necesario que o mundo da empresa aposte polas persoas con discapacidade, que as apoien  ofrecéndolles oportunidades e poñendo en valor as capacidades das persoas”.  “Non debemos esquecer, que é no emprego onde as persoas con discapacidade presentan máis vulnerabilidade, con taxas de paro que triplican a poboación xeral”, engadiu Sestayo.  

Compromisos adquiridos

Neste marco, COGAMI ofrece un asesoramento especializado en materia de integración laboral, accesibilidade e adaptación dos postos de traballo, ademais de realizar un acompañamento activo na selección de alumnado con discapacidade para o seu acceso a procesos formativos, así como na preselección de candidaturas a postos de trabalo ofertados para a inserción laboral de persoas con discapacidade. O acordo tamén prevé, como accións de sensibilización interna, a realización de charlas informativas na cooperativa CLUN, a fin de mellorar o coñecemento sobre a discapacidade e a diversidade entre o cadro de persoal.

Por outra banda, CLUN comprométese a impulsar a creación de postos de traballo estable, protexido e remunerado para persoas con discapacidade, ademais de promover unha contorna física que garanta a non discriminación deste colectivo, velando pola mellora da accesibilidade das súas infraestruturas e instalacións. Foméntase a organización de actividades formativas diversas, así como a realización de prácticas non laborais para persoas con discapacidade. No acceso a cursos con compromiso de contratación, outórgase preferencia a este colectivo.