Foron dez o número de persoas, todas elas apuntadas na bolsa de emprego do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI, as que participaron nunha acción de mellora da empregabilidade en Ferrol.
Esta charla, que se desenvolveu nas instalacións de COGAMI, pretende dotar de ferramentas necesarias dirixidas á mellora na busca de emprego e atendendo ás necesidades comúns detectadas no grupo de persoas participantes.
Nesta ocasión, coa metade de participantes asistindo de maneira presencial e o resto en formato telemático, a acción de mellora contou co acompañamento dunha persoa convidada, nesta ocasión Juan Rico, o xerente da empresa Limanfer que presta servizos no sector da limpeza.
Juan Rico explicou detalladamente en que consiste o perfil laboral dentro do sector da limpeza, que aptitudes e actitudes deben contemplarse, así como as cualidades positivas e negativas que exixe este posto de traballo, co fin de que a persoa saiba ao que se expón se accede a traballar neste sector da limpeza.
Con este tipo de accións, o que se pretende é que a persoa que está buscando un emprego teña un coñecemento detallado das exixencias dese posto para o que se decanta, de maneira que poida valorar se lle resultaría apto para desenvolvelo.
Dende Limanfer, o xerente fixo fincapé na “necesidade de profesionalizar o servizo de limpeza” e tamén describiu como “moi importante a motivación da persoa cando está no proceso de busca de emprego”. Para finalizar, Juan Rico tamén quixo ofrecer outra alternativa cara ao emprego, como é o autoemprego, poñendo como exemplo a súa propia experiencia.