• Novas
  • 17 de marzo de 2023

COGAMI aporta a súa experiencia durante a presentación do Programa FSE+ Galicia 21-27

COGAMI aporta a súa experiencia durante a presentación do Programa FSE+ Galicia 21-27

Un programa que ten por obxectivo facer unha comunidade máis social e inclusiva co emprego como eixe clave de actuación, así é como presentaron dende a Xunta de Galicia o Programa FSE+ Galicia 21-27, onde o Conselleiro de Facenda e Administración Pública anunciaba que dos 1.017 millóns de euros asignados a Galicia, a Xunta xestionará preto de 449 millóns e o resto dos recursos estarán a cargo do Estado, a través dos programas plurirrexionais.

Con estes fondos estanse a prestar apoios para a inclusión sociolaboral como o explicou a coordinadora de Áreas de COGAMI, Charo Lema, quen participou na xornada para contar a experiencia de COGAMI no desenvolvemento de proxectos financiados polo Fondo Social Europeo no anterior período do FSE 14-20

Tendo por obxectivo final a inserción, COGAMI desenvolve proxectos de formación a medida e en función da demanda do tecido empresarial galego, así como proxectos que buscan o mantemento e/ou a creación de novos postos de traballo para persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e asociacións.

Para finalizar a súa intervención, Charo Lema falou do valor social que xerou a Organización poñendo este exemplo: o 68% do que COGAMI recibe da administración devólvello de maneira directa en impostos, cotizacións e seguridade social. Cada euro que COGAMI recibe da administración multiplícao por nove a través do desenvolvemento dos seus programas, servizos e actividades. Isto evidencia que as persoas con discapacidade contribúen ao desenvolvemento da sociedade.