COGAMI asesorará ao concello de Xinzo de Limia na elaboración do plan de accesibilidade
  • Novas
  • 05 de abril de 2021

COGAMI asesorará ao concello de Xinzo de Limia na elaboración do plan de accesibilidade


O Concello de Xinzo de Limia e COGAMI encargaranse de eliminar as barreiras arquitectónicas dos espazos públicos, así o trasladaron o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e mailo coordinador da área de Accesibilidade, Álvaro García, tras manter unha xuntanza coa alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad.  

COGAMI colaborará no asesoramento e elaboración do primeiro plan de accesibilidade de Xinzo, unha ferramenta que pretende ser modelo para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, construcións de inmobles ou de instalacións de calquera tipo.

O municipio comprometeuse a que todas as obras que se efectúen cumpran totalmente coas condicións de accesibilidade.  “A día de hoxe existen barreiras arquitectónicas en moitos lugares do Concello que son un atranco insalvable para a vida diaria de moitas persoas, de modo que cando se fan obras novas ou cando se reparan as que están feitas, debemos esixir que se cumpran todos os parámetros aos que obriga a lei de accesibilidade”, explica Rafa Penabad.

Dende COGAMI acordouse que o primeiro paso para a elaboración do plan de accesibilidade debe ser a realización dunha auditoría que permita detectar todos os puntos críticos e poder deseñar o plan, que será a folla de ruta para futuras intervencións.