• Novas
  • 05 de agosto de 2022

COGAMI busca alumnado para curso de expendedor de combustible que iniciará en Cuntis no mes de setembro

COGAMI busca alumnado para curso de expendedor de combustible que iniciará en Cuntis no mes de setembro

COGAMI desenvolverá durante o mes de setembro no concello pontevedrés de Cuntis un curso de Expendedor de Combustible e Manipulación de Alimentos dirixido a persoas que teñen recoñecida a discapacidade ou a incapacidade laboral para a profesión habitual.

Este curso forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego, que cofinancian Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, e está dirixido a persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral empadroadas na provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 62 anos.

A formación constará dunha parte teórica, que se desenvolverá dende o día 23 ata o 30 de setembro en horario de 9 a 14 horas, e unha parte práctica impartida con data do 3 ata o 28 de outubro en estacións de servizo situadas preto das zonas próximas ao lugar de residencia do alumnado.

En total, esta formación comprenderá 100 horas lectivas, 30 teóricas e 70 prácticas, nas que se impartirán contidos distribuídos en 5 unidades didácticas e relacionados con temas como: a atención ao público e servizos ofertados pola estación de servizos; o funcionamento da estación de servizos, surtidores e limpeza; informática e medios de pagamento nas estacións de servizo; prevención de riscos en estacións de servizo e manipulación de alimentos.

As persoas interesadas nesta formación poden poñerse en contacto co servizo de emprego de COGAMI en Pontevedra, chamando ao teléfono 986 863 709.