• Novas
  • 25 de marzo de 2019

COGAMI colabora con COCEMFE León no desenvolvemento dun obradoiro inclusivo para empresas

COGAMI colabora con COCEMFE León no desenvolvemento dun obradoiro inclusivo para empresas


A Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), a Federación Provincial de Personas con Discapacidad Física u Orgánica de León (COCEMFE León) e COGAMI organizaron en León un obradoiro inclusivo para empresas da cidade, no que participaron máis de 15 empresas.

Baixo o lema ‘Workshop Inclusivo: o valor de ser unha empresa inclusiva, a directora xerente de COCEMFE, Elena Antelo, expresou a importancia de “que cada vez máis empresas conten con COCEMFE para levar a cabo a súa transformación inclusiva supón unha grandísima noticia para a participación do noso colectivo e do exercicio dos seus dereitos”.  Ademais quixo lembrar que “estamos á disposición de todas as empresas do país para a súa conversión en empresas inclusivas e socialmente responsables”.

Outros dos participantes neste obradoiro foron Amable Pascual, executivo de Grandes Contas de Vodafone, e Carlos Montero, do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI. Ámbolos dous expuxeron os resultados do proxecto ‘Incluye+Capacidad’, que ten por finalidade potenciar o uso das TIC na inserción sociolaboral e que logrou a incorporación ao mercado de traballo de 101 persoas con discapacidade.

Montero explicaba que “as novas tecnoloxías son importantes aliadas que poñen á nosa disposición ferramentas e recursos que poden ser de moita axuda durante o proceso de busca de emprego”, ademais argumentou sobre “a necesidade de formar ás persoas con discapacidade no seu uso”.