COGAMI amosa o absoluto rexeitamento ao trato discriminatorio e irrespectuoso cara ás persoas con discapacidade en xeral, e as mulleres con discapacidade en particular, ocorrido onte nas Cortes de Castela e León durante a intervención do vicepresidente da Junta, Juan García-Gallardo.
COGAMI denuncia as palabras de García-Gallardo quen, referíndose á procuradora socialista Noelia Froitos, usuaria de cadeira de rodas, díxolle “non vou tratar con ningunha condescendencia as súas faltas de respecto e voulle a responder coma se fose unha persoa como todas as demais".
“Esta resposta demostra o profundo descoñecemento dun representante público sobre a discapacidade e o longo camiño que queda por percorrer en termos de inclusión e trato adecuado cara ás persoas con discapacidade”, afirma o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen fai fincapé en que “rexeitamos a condescendencia e consideramos que é intolerable a falta de respecto, o trato vexatorio e a discriminación dun representante público cara ao noso grupo social”.
“Por iso, reclamamos un trato en igualdade de condicións, sobre todo vindo de persoas que teñen un cargo público de responsabilidade como é a vicepresidencia dunha comunidade autónoma de quen se espera ter a suficiente formación e educación como para que estas situacións, de ningunha maneira, volvan producirse”, reivindica Queiruga, á vez que esixe “unha rectificación e medidas adecuadas para que este ataque contra a dignidade non volva ocorrer en ningún sector da sociedade, pero especialmente nos representantes políticos”.
Así mesmo, Queiruga argumenta que “un trato adecuado e unha conduta inclusiva implican unha relación entre iguais, deixando en segundo plano as circunstancias persoais relacionadas coa discapacidade e, sobre todo, non poñer en dúbida o valor da nosa vida nin a dignidade como persoas, como parte da cidadanía e cos mesmos dereitos e liberdades”.
A pregunta da procuradora tiña a súa orixe nunhas afirmacións de García-Gallardo hai unhas semanas, cando argumentou que as mulleres non necesitan que as traten "como discapacitadas" aplicando cotas no ámbito laboral, polo que agora a representante socialista preguntoulle por "como cre que hai que tratar ás mulleres con discapacidade".
A esta pregunta, o vicepresidente da Junta respondeu “igual de ben que aos homes con discapacidade”, mostrando un profundo descoñecemento sobre a realidade e especificidades das mulleres con discapacidade e a situación de maior vulneración de dereitos á que se enfrontan a diario.
“As medidas de discriminación positiva, aínda necesarias nunha sociedade onde as barreiras impiden a participación do noso colectivo en igualdade de condicións, seguen sendo imprescindibles para favorecer a equidade”, sinala o presidente de COGAMI, que incide en que “e se son necesarias para as persoas con discapacidade, aínda o son máis cando son dirixidas a mulleres e nenas con discapacidade, por todos os factores de discriminación interseccional aos que se enfrontan, tanto en cuestións relacionadas con violencia, como de acceso ao emprego, educación, sanidade, servizos sociais, axudas e prestacións públicas, vivenda e autonomía persoal”.