COGAMI e a Federación COGAMI Pontevedra reciben a visita da Deputación de Pontevedra aos servizos que prestan ás persoas con discapacidade
  • Novas
  • 15 de julio de 2021

COGAMI e a Federación COGAMI Pontevedra reciben a visita da Deputación de Pontevedra aos servizos que prestan ás persoas con discapacidade

A deputada de Cohesión Social, Olga García, e a deputada de Xuventude, Ana Laura Iglesias, acompañadas do Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e o Presidente da Federación COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera, veñen de visitar as instalacións de COGAMI e da Federación COGAMI Pontevedra en Vigo, coa que a institución colabora cunha achega de 40.000 € para a posta en marcha do Servizo de Atención Integral a persoas con discapacidade da provincia. A través desta iniciativa subvencionada pola Deputación de Pontevedra estanse a beneficiar aproximadamente 3.340 persoas, de xeito directo e indirecto, das comarcas de Pontevedra, O Baixo Miño, O Condado-Paradanta, Vigo, O Salnés e Deza-Terra de Montes. Tamén visitaron o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI que ata o segundo sementre deste ano tiña realizadas 1.042 orientacións e contribuíu á inserción laboral de 247 persoas con discapacidade na provincia de Pontevedra.

O Servizo de Atención Integral que presta a Federación COGAMI Pontevedra ao longo do ano inclúe dende aspectos relacionados coa rehabilitación da linguaxe, ata coa rehabilitación física e información e asesoramento. En canto á rehabilitación da linguaxe e física, as intervencións realízanse empregando diferentes praxes e actividades de fisioterapia tanto nas propias entidades que integran a Federación como no domicilio das persoas usuarias. Pola súa banda, no que respecta á información e asesoramento, organízanse xornadas de sensibilización e diferentes actividades encamiñadas a fomentar a autonomía e independencia das persoas con discapacidade, así como actividades preventivas, de apoio psicosocial ou de calquera outra índole para dar cobertura ás necesidades detectadas entre as persoas usuarias. Tamén se contempla a realización de campañas de sensibilización e o acompañamento e axuda ás persoas con discapacidade na realización de proxectos, trámites e actividades, na asistencia a reunións, na participación en actos sociais.

Pola súa banda, o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI, está a disposición das persoas con discapacidade que buscan traballo e tamén das empresas que requiran do seu servizo, como xa leva facendo dende que iniciou en 1996, e conta cunha base de datos de 6.579 persoas inscritas na provincia de Pontevedra. Este servizo, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e que ten autorización como Axencia de Colocación, se ben está situado nas sete cidades galegas, o equipo de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego desprázase tamén ás zonas rurais para atender as súas demandas. O SIL conta cunha base de datos que actualmente contempla 18.561 persoas inscritas como demandantes deste servizo; e cun equipo formado por 40 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego que se encargan de orientar e intermediar entre persoas con discapacidade que queren atopar emprego e empresas que buscan profesionais para cubrir postos de traballo.