• Novas
  • 13 de septiembre de 2023

COGAMI e a súa Federación Provincial renovan convenio coa Deputación de Lugo de atención a persoas con discapacidade

COGAMI e a súa Federación Provincial renovan convenio coa Deputación de Lugo de atención a persoas con discapacidade

A Deputación de Lugo formaliza a colaboración que mantén con COGAMI e coa Federación Provincial COGAMI Lugo, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade na provincia.

Esta colaboración permitirá que o centro de atención diúrna de Fingoi continúe cos servizos que presta no centro de día e ocupacional, co fin de potenciar a autonomía persoal das 35 persoas usuarias que acoden de luns a venres, favorecendo a súa participación social na contorna.

Algúns dos servizos que se financian a través do convenio son de atención personalizada a través de programas de rehabilitación e mantemento, formación básica e instrumental, información, valoración, seguimento e orientación, obradoiros artesanais, programas deportivos, culturais e de lecer, ademais do servizo de transporte adaptado e comedor.

O obradoiro prelaboral para persoas con discapacidade da comarca da Ulloa é outra das actividades que se financia a través do convenio coa Deputación de Lugo e a Federación COGAMI Lugo. A través desta colaboración. que consta dunha aportación de 38.000 €,  foméntase o benestar social a mellora da calidade de vida das 13 persoas usuarias procedentes dos concellos de Monterroso, Antas de Ulla e Taboada.

O financiamento destas actividades por parte de entidades públicas como a Deputación de Lugo é fundamental para que as persoas con discapacidade poidan ter acceso a recursos destinados á mellora da súa calidade de vida, e que supoñen un paso máis na súa inclusión e participación en igualdade de oportunidades.