• Novas
  • 11 de septiembre de 2023

COGAMI e ACADAR reúnense coa Secretaria Xeral de Igualdade para combater a violencia contra as mulleres con discapacidade

COGAMI e ACADAR reúnense coa Secretaria Xeral de Igualdade para combater a violencia contra as mulleres con discapacidade

Xuntanza para avanzar na posta en marcha de novas iniciativas para combater a violencia dixital e apoiar a integración social e laboral das mulleres con discapacidade. As presidencias de COGAMI e ACADAR, Anxo Queiruga e Mónica Álvarez, acompañadas da coordinadora de Áreas de COGAMI, Charo Lema, reuníronse coa secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, para avanzar na posta en marcha de novas iniciativas para combater a violencia dixital e apoiar a integración social e laboral das mulleres con discapacidade.

Dende hai anos a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colabora con COGAMI e ACADAR en programas de prevención das violencias que atentan contra o colectivo das persoas con discapacidade e, en concreto, das mulleres con discapacidade. Na xuntanza fíxose balance do servizo de atención especializada á muller con discapacidade, servizo atendido por profesionais de traballo social que COGAMI ten en A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, polo que pasaron 80 mulleres con discapacidade ás que se lles deu resposta ás súas necesidades, especialmente daquelas que se atopan en risco tras vivir situacións de violencia.

Este encontro permitiu tamén facer balance do convenio de colaboración da Xunta coa entidade ACADAR para sensibilizar contra a violencia sexual dixital nas mulleres e nenas con discapacidade, que resultou coa realización dunha guía para axudar a previr, identificar e detectar estas manifestacións violentas en todas as súas vertentes.

Outro dos programas abordados foi o Enrédate, que por quinto ano consecutivo apoia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e está dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade co obxectivo de promover a igualdade especialmente das que residen en zonas pouco poboadas. Na actualidade toman parte das actividades mulleres con discapacidade de Arzúa, Lousame, A Estrada, Curtis, Melide, Ordes e Santa Comba. Co programa trabállase tanto de forma individual como grupal, co obxectivo de potenciar as capacidades e competencias das participantes para o desenvolvemento dunha vida autónoma.

A Xunta colabora desde 2019 con ACADAR na financiación de campañas de sensibilización e prevención da violencia sexual nas mulleres con discapacidade, así como no mantemento do servizo Dedaleira, especializado en brindar asesoramento afectivo-sexual ás persoas que viviron ou están a vivir situacións de abusos.