Cada vez que unha persoa marca o recadro 106 de Programas de interese xeral para fins de carácter social, coñecida por X Solidaria, permite que o 0,7% dos impostos que paga cando fai a declaración da renda, poidan ser investidos en programas sociais como os que desenvolve COGAMI e as súas entidades membro.
Ao longo deste ano, dende a nosa Organización desenvolveranse un total de 25 programas e proxectos que obtiveron a resolución positiva por parte da Xunta de Galicia, organismo que xestiona os fondos procedentes da X Solidaria, e que están a ser executados.
Segundo as temáticas dos programas, uns están relacionados coa inclusión social e transición ao emprego para mulleres con discapacidade, outros son para promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou con discapacidade, de voluntariado e de investimento de obra, de subministracións, equipamentos ou vehículos. Todos estes programas contarán cun investimento de 602.404,39 € para programas de actividades e de 475.368,54 € para inversións.
Ademais de COGAMI as entidades que durante este ano poderán levar a cabo programas financiados coa X Solidaria son: a asociación ACADAR sobre inclusión; ADAPTA, AMIZADE, AVEMPO, AFFOU, AGFQ, AGL, GRUMICO, ACCU, ACEM CORUÑA, ACEM SANTIAGO, ASOTRAME, ALCER CORUÑA, ALCER OURENSE, ALCER PONTEVEDRA, ASEARPO, ASEM GALICIA, CONARTRITE, AODEMPER e AVANTE, que buscan mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral, MISELA, VONTADE que desenvolverán un programa de atención temperá, AMBAR un programa de actividades de lecer, e as entidades INTEGRO, ACADAR, ADISBISMUR, AGORA, AMBAR e ASPAMITE desenvolverán programas de investimento e adquisición de subministracións e equipamentos cos que poderán mellorar as súas instalacións e servizos.