• Novas
  • 04 de mayo de 2022

COGAMI e CELEGA suman esforzos a favor da inclusión das persoas con discapacidade

COGAMI e CELEGA suman esforzos a favor da inclusión das persoas con discapacidade

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e mailo presidente de CELEGA S.L.- COOPERATIVA LEMOS, Eliseo Mariño, asinaron un convenio para promover a colaboración entre estes dous organismos e dar unha resposta eficaz na inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

A través deste convenio, existe un compromiso por parte das dúas entidades para sumar esforzos e desenvolver actuacións conxuntas que favorezan o benestar social das persoas con discapacidade , así como tamén a inclusión no mundo laboral e defensa dos seus dereitos.

Entre as actuacións que se levarán a cabo, por parte desta cooperativa dedicada á comercialización de leite, queixo, derivados lácteos e de carne de vacún, acórdase promover un entorno que garanta o acceso e participación en condicións de igualdade das persoas con discapacidade nas distintas actividades, programas e servizos organizados ou desenvolvidos, contribuíndo a minimizar as dificultades coas que se atopan especialmente no acceso ao mercado laboral ordinario.

Dende COGAMI existirá un compromiso con CELEGA S.L. para informar e asesorar sobre subvencións, bonificacións e axudas á contratación de persoas con discapacidade, ademais das axudas en vigor para a adaptación ao posto de traballo e accesibilidade en xeral. A selección de alumnado para os proxectos de formación que poida levar a cabo a cooperativa, a preselección de candidaturas de persoas con discapacidade que se axusten ao posto de traballo ofertado, a responsabilidade social corporativa e charlas informativas son outras das liñas colaborativas que se levarán a cabo.  

O convenio recolle tamén que por parte de CELEGA S.L. - COOPERATIVA LEMOS, existe o compromiso na creación e reserva de postos de traballo estables, protexidos e remunerados para as persoas con discapacidade nunha porcentaxe non inferior ao 5%, facilitará o contacto entre mozas e mozos con discapacidade e o mundo da empresa e organizará formación e prácticas non laborais para o colectivo das persoas con discapacidade.

Este convenio terá un ano de duración, renovándose inmediatamente cada ano salvo que o rexeite algunha das partes asinantes.