• Novas
  • 19 de abril de 2023

COGAMI e Fundación María José Jove organizaron ciclo de charlas prácticas sobre educación inclusiva

COGAMI e Fundación María José Jove organizaron ciclo de charlas prácticas sobre educación inclusiva

A Fundación María José Jove e COGAMI organizaron Aprendendo a Incluír: un ciclo de tres charlas para sensibilizar, dende unha perspectiva práctica, sobre a realidade da inclusión no  ámbito educativo. Dirixidas a todas aquelas persoas que se consideren profesionais da educación, no sentido máis amplo da palabra, como profesorado, formadores e formadoras en calquera disciplina, familias e público en xeral.

Para ambas entidades, nunha aula existe alumnado con perfís moi diferentes, por iso a escola inclusiva é capaz de ofrecer un ensino cunha adaptación curricular que teña en conta as características e necesidades de cada alumna e alumno, promovendo o seu máximo desenvolvemento persoal e profesional.

Presentada pola técnica de formación de COCEMFE, Chus Bello, na primeira charla tratouse a realidade da inclusión no ámbito educativo contando con testemuñas como Adrián Torrado e o que foi o seu profesor Juan Miguel Díaz, quen relataron unha historia de loita e superación dun neno que entrou no colexio en cadeira de rodas e rematouno camiñando. Unha historia real e posible co apoio obtido pola súa comunidade educativa.

Outra das charlas centrouse na importancia de la educación temperá na inclusión, estratexias, atención e exemplos nas aulas e a terceira abordou a soidade na escola, outra maneira de exclusión invisible e que contou coa testemuña de Antón Fontao, membro do grupo EXI «Estudantes pola Inclusión» e Carmen Saavedra, creadora do blog Cappaces.