COGAMI finaliza o curso de alfabetización dixital no que se formaron oito persoas con discapacidade de Vilalba
  • Novas
  • 07 de junio de 2021

COGAMI finaliza o curso de alfabetización dixital no que se formaron oito persoas con discapacidade de Vilalba

Tras case un mes de asistencia ás clases impartidas no Centro Sociocomunitario de Vilalba, COGAMI ponlle fin a un curso de Alfabetización Dixital no que se formaron 8 persoas con discapacidade, 4 mulleres e 4 homes, procedentes dos concellos de Vilaba e Cospeito.

Algunhas das persoas que iniciaron este curso tiñan coñecementos básicos do manexo dun ordenador, como o caso de Estela del Carmen Vilasuso, pero decidiron participar porque, segundo explicaba “axudoume a mellorar e adquirir outros novos coñecementos”.

Financiado por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad) e o Ministerio de Educación e Formación Profesional e enmarcado dentro do proxecto “Atención educativa de persoas con discapacidade adultas que presentan necesidades educativas específicas 2021”, este curso serviu para dotar de habilidades no manexo das tecnoloxías informáticas para poder desenvolverse con elas na vida diaria e poder lograr novas oportunidades sociais e laborais.

Esta formación contou cunha duración de 85 horas lectivas nas que se traballaron contidos relacionados con Windows, Internet, Microsoft Word e Excel. “Penso que a informática é moi importante e pode mellorar as posibilidades de conseguir un emprego. Poder acreditar o curso tamén pode axudarme a participar en concursos e convocatorias. Alégrome de ter participado no curso”, expresa Estela del Carmen Vilasuso.

Tralo remate desta formación, a orientadora laboral de COGAMI na zona de Vilalba, Raquel Grandío, realizou unha acción de mellora da empregabilidade (AME) na busca de emprego a través de Internet. Durante 4 horas, impartiu un seminario complementario sobre o manexo de ferramentas e técnicas que orienten de cara aos procesos de selección de emprego e a posterior inserción laboral.