COGAMI forma a 14 persoas con discapacidade como expendedores de combustible en Vigo
  • Novas
  • 30 de septiembre de 2021

COGAMI forma a 14 persoas con discapacidade como expendedores de combustible en Vigo

COGAMI inicia en Vigo, no local da Cámara de Comercio situado en Avenida de República Arxentina 18A, un curso de Expedición de gasolina e manipulación de alimentos ao que asisten 14 persoas, 2 mulleres e 12 homes, todas elas con discapacidade recoñecida ou con incapacidade laboral para a profesión habitual.

Esta formación, financiada pola Fundación “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo (FSE), está enmarcada dentro do programa Máis Emprego, programa que ten por obxectivo o acceso ao mercado laboral por vez primeira e tamén a reciclaxe profesional. 

O alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos, procede dos concellos de Vigo, Porriño, Tui, Poio, Salvaterra de Miño, Redondela, Gondomar, Marín e Cambados. De luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, asistirá ás clases teóricas que contarán cunha duración de 30 horas nas que recibirá formación básica de expedición de combustible e atención ao público e poderá obter o certificado de manipulador de alimentos. O resto das horas da totalidade de 100 que contempla o curso, serán realizadas como prácticas en empresas nas zonas de residencia do alumnado, co fin de facilitarlle o contacto co tecido empresarial da zona e, polo tanto, de favorecer a súa inserción.

Antes do inicio, o alumnado cursou unha formación en informática de 20 horas que facilitará a realización de tarefas propias do posto e, tralo remate deste curso, recibirá un seminario complementario de mellora da empregabilidade, no que se lle facilitará información sobre ferramentas e técnicas para a posta en marcha da súa busca activa de emprego. 

Programa Máis Emprego.

COGAMI iniciou o programa Máis Emprego na provincia de Pontevedra en 2017, tendo por finalidade mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión.

Durante este 2021, foron 137 as persoas atendidas a través deste programa, 62 mulleres e 75 homes, coas que se está traballando na súa inserción sociolaboral, capacitándoas para a busca de emprego a través do trazado de itinerarios integrados e personalizados, como xa se fixo coas 480 persoas que xa pasaron por Máis Emprego, das que o 43% logrou a inserción laboral.