COGAMI forma a máis de 200 persoas traballadoras durante 2020
  • Novas
  • 18 de febrero de 2021

COGAMI forma a máis de 200 persoas traballadoras durante 2020

Co fin de mellorar a preparación das e dos profesionais de COGAMI, durante este ano 2020 impartíronse un total de 19 cursos formativos que, se ben nun principio ían desenvolverse en formato presencial, trala chegada da pandemia do COVID-19, houbo que facer cambios para impartir finalmente 2 nunha aula virtual, 11 en modalidade presencial e 6 a través da teleformación.

Nesta actualización de competencias, de posta ao día coas últimas novidades que acontecen nos diferentes sectores e servizos, formáronse un total de 214 profesionais de COGAMI Social, COGAMI Empresarial e COGAMI Xenera, os tres eixos dos que se compón a Organización.

A temática dos cursos foi moi variada e estivo marcada polas necesidades das propias áreas ou departamentos de traballo. Así, impartíronse cursos de atención centrada na persoa, terapia en neuroloxía, comunicación de voceiros, atención individual, lingua de signos, manipulación de alimentos, impresión e deseño en 3D, promoción da autonomía persoal, terapia acuática, entre outros.

Esta formación interna dirixida ao persoal laboral supón unha actualización e unha posta a punto das e dos profesionais da Organización e, en definitiva, unha mellora dos servizos que se prestan.