As instalacións do Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás acollen un curso de caixeiro que COGAMI iniciou con 10 persoas con discapacidade, 6 mulleres e 4 homes, apuntadas dos concellos de Barbadás, Ourense e San Cibrao.
Esta formación, está financiada pola Fundación ONCE a través do Programa Inserta colabora o concello de Barbadás tras cederlle a COGAMI o uso da aula que está situada na primeira planta do CET de Barbadás.
O curso, que rematará o 19 de decembro, desenvólvese en horario de 9 a 14 horas e consta de 140 horas lectivas teóricas, con opción a 50 horas prácticas reais en empresas do sector. Durante a formación, o alumnado traballará na adquisición de competencias e habilidades para poder desempeñar actividades en supermercados, tendas-comercio e grandes superficies en postos de atención ao público, venda e cobro de produtos.
Todas as persoas que iniciaron este curso están inscritas no servizo de emprego de COGAMI, e ao mesmo tempo no servizo PorTalento da Fundación ONCE. O obxectivo xeral desta formación é dotar de habilidades e competencias específicas ás persoas coa clara intención de centrarse nunha busca activa de emprego en distintos sectores, facendo especial fincapé en actividades de venda, grandes superficies, pequeno e mediano comercio.