• Novas
  • 13 de abril de 2023

COGAMI oferta sete cursos de formación a través dun programa Integrado para outorgar oportunidades laborais

COGAMI oferta sete cursos de formación a través dun programa Integrado para outorgar oportunidades laborais

A área de Emprego de COGAMI desenvolve un Programa Integrado de Emprego co que pretende impulsar as condicións de empregabilidade dentro do grupo social das persoas con discapacidade e incapacidade laboral, ademais de favorecer e mellorar as súas condicións de traballo.

O programa é o resultado dun convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Cermi Galicia, entidade da que forma parte COGAMI, para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade en Galicia a través dos fondos da Unión Europea Next Generation EU vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), de apoio ao o investimento para lograr unha recuperación sostible, dinámica e resiliente do mercado de traballo.

Un equipo técnico de inserción laboral formado por seis profesionais atende a 131 persoas seleccionadas da base de datos que o servizo de emprego de COGAMI ten nas cidades de Santiago (21 persoas seleccionadas), A Coruña (26), Ferrol (22), Lugo (15), Ourense (25) e Vigo (22). Co fin de mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais destas persoas desempregadas, cun obxectivo final de inserción mínima o Programa Integrado conta dunha serie de accións que parten cunha entrevista personalizada para coñecer as capacidades e aspectos a traballar da persoa candidata á hora de afrontar un posto de traballo.

Neste Programa Integrado de Emprego combínanse, ademais da formación, obradoiros de competencias dixitais para o manexo das TIC como ferramentas na busca de emprego por portais especializados, trámites en Internet cos organismos oficiais, elaboración de currículos e carta de presentación, sesións de Coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevistas.

Para acadar estas melloras, apóstase pola formación, que nesta ocasión acadarán en conxunto máis de 360 horas de carga lectiva distribuídas en sete cursos formativos adaptados ás necesidades do mercado de traballo. Así, impartiranse temáticas relacionadas coa atención ao cliente, acompañamento no transporte escolar, almacén, recepción, servizos, entre outros. En xeral trátase de formación curta adaptada ás necesidades das empresas e do mercado laboral para que as persoas poidan incorporarse a traballar canto antes.  

Rematada a formación teórica, haberá un período de prácticas non laborais en empresas da comarca para poñer en práctica as función realizadas no curso. Isto suporá unha oportunidade para o alumnado, porque coñecerá a empresa e as tarefas vencelladas a esa formación e, ao mesmo tempo, para as empresas porque poderán coñecer a maneira de traballar da persoa, podendo ser o primeiro paso para unha posible contratación laboral.                                                   

Durante o desenvolvemento deste programa Integrado no período do ano pasado, despois de pasar por todas as accións recomendadas, houbo un 56% de persoas que lograron a inserción laboral.