Tendo en conta a realidade social que viven, COGAMI dispón dun servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade co que pretende dar resposta ás necesidades que demanda este grupo social, especialmente ás que se atopen en situación de risco, como baixa participación social, dificultades na incorporación ao mercado laboral, sobreprotección social e familiar, autopercepción e imaxe social negativa ou con necesidades directamente asociadas a ter vivido situacións de violencia na contorna familiar, doméstica ou institucional.
Tradicionalmente, a sociedade tendeu a illar e a segregar ás mulleres con discapacidade, existindo un tipo de discriminación que carece de recursos ou dispositivos legais eficaces para eliminar e corrixir estas condutas discriminatorias, o que se evidencia en cotas maiores de desemprego, salarios inferiores, menor acceso aos servizos de saúde, maiores carencias educativas, escaso ou nulo acceso a programas e servizos dirixidos a mulleres en xeral, maior incidencia de vítimas de violencia e todo tipo de abusos, entre outros.
Para mellorar a calidade de vida e a autonomía destas mulleres, este servizo ofrece información, orientación, asesoramento e, no caso de ser preciso, intervención coa persoa e coa familia, co fin de que a muller poida acadar os seus obxectivos. Estas intervencións poden ser individualizadas e tamén grupais, dirixidas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade, con accións encamiñadas a que as mulleres se introduzan no mercado laboral.
Financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, dende que iniciou o 1 de xaneiro deste ano e con data de remate o 31 de agosto, a través deste programa van ser atendidas 80 mulleres con discapacidade para dotalas de maior autonomía e independencia para a mellora da súa situación persoal, social e laboral. Un equipo de profesionais de traballo social localizados nos centros de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo encárgase de dar resposta ás demandas destas mulleres. Este equipo compleméntase e traballa en coordinación con outros servizos que ofrece a entidade, como son o de formación e o de emprego, nos que as diferentes intervencións persigan obxectivos comúns.
O programa de atención personalizada e especializada encárgase tamén de previr e dotar ás mulleres de recursos persoais suficientes para afrontar posibles situacións de risco, adquirir un maior empoderamento persoal e promocionar a activación de cara á busca de emprego.