COGAMI foi unha das entidades convocadas a participar na Xornada de Igualdade, Diversidade e Violencia no Traballo: Actualidade e Futuro que organizou a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na que reuniu a persoas expertas de diferentes áreas para abordar os desafíos que para a igualdade de oportunidades supoñen as novas formas de traballo, a diversidade dos equipos ou as tendencias marcadas pola intelixencia artificial.
A coordinadora da área Xurídica, Mª Jesús Pérez, interveu nesta xornada nunha mesa redonda que trataba sobre igualdade e diversidade no ámbito laboral, na que falou sobre a
interseccionalidade e a discriminación pola discapacidade. Dende COGAMI apuntouse que o emprego sempre supón unha canle efectiva para a inclusión das persoas con discapacidade e para conseguir o exercicio pleno dos seus dereitos pero, a realidade recolle que hai unha taxa dun 65% de inactividade dentro deste colectivo que, nin busca, nin se está inscrito como demandante de emprego.
Mª Jesús Pérez aportou que a base de datos de persoas inscritas no servizo de Emprego de COGAMI sirve para identificar aqueles factores de identidade que concorren nas persoas con discapacidade, como a idade, formación, se a discapacidade é sobrevida, ámbito de procedencia, entre outros e, en situacións de desigualdade, pode coñecerse se a interacción destes factores ante unha situación de vulneración de dereitos xera discriminación. Para rematar, Pérez apuntou que as mulleres con discapacidade son o grupo mais susceptible a vivir situacións de discriminación interseccional.