A xornada Máis que Residuos, que inaugurou o Alcalde de A Coruña, pretendeu ser un punto de encontro de empresas que contaron a súa experiencia baseada na economía social e na xestión de refugallos municipais. Unha destas empresas que contou a súa experiencia foi Coregal, o centro especial de emprego que forma parte de COGAMI, que se dedica á recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.
O xerente de Coregal, Ramón García, durante a súa intervención explicou que, “se ben Coregal naceu como unha empresa dedicada á recollida de papel e cartón, agora, debido ás oscilacións dos prezos destas materias, dedícase á xestión integral de todo tipo de refugallos, ademais do papel e cartón”.
Esta empresa, que conta cun cadro de persoal formado por máis de 170 persoas onde o 96% destas teñen discapacidade, ten por finalidade crear postos de traballo estables, de calidade e sostibles no tempo, onde a formación continua é fundamental para que exista calidade e competitividade á hora de traballar na empresa. En palabras de Ramón García durante a súa intervención “como centro especial de emprego que somos, o noso obxectivo é servir como un recurso de transición do traballador de cara á empresa ordinaria, aínda que non sempre se produce na medida que nos gustaría”.
Con 6 centros de tratamento de residuos operativos en Santiago, Boiro, Carballo, Narón e Mos, unha flota composta por 50 camións, Coregal recolle ao ano máis de 55 mil toneladas de residuos, obtendo uns ingresos por facturación que superan os sete millóns e medio de euros, “ás veces o resto das empresas do sector táchannos de competencia desleal”, denunciaba Ramón García, “pero se existen empresas como Coregal é porque aínda non existe a inserción á empresa ordinaria”.
Para rematar, o xerente de Coregal aproveitou para darlle unha chamada de atención á Administración, segundo dixo, porque sacan a concurso público unhas condicións que “imposibilitan competir con empresas de maior tamaño” e animou a que os organismos públicos pensen no labor social que se desenvolve nos centros especiais de emprego e a que se faga unha aposta polos contratos reservados e pola introdución de cláusulas sociais nos procesos de licitación.