• Novas
  • 08 de marzo de 2022

Día Internacional da Muller. Todas somos capaces

Día Internacional da Muller. Todas somos capaces

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, atopámonos unha vez máis nunha data destacada para a sororidade, pero tamén para a reivindicación, dirixida tanto aos poderes públicos como ao conxunto da sociedade, da urxente necesidade de fomentar e manter un sistema baseado na igualdade de trato e de oportunidades para acabar coas inxustizas sociais que as mulleres e nenas vivimos en todo o mundo.

Este día conmemora a loita das mulleres, en permanente evolución, por transformar a realidade preservando os Dereitos Humanos.

Neste sentido, cabe destacar a Convención para a Eliminación de todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW) de 1979, pola cal establécense unha serie de obligacións cara aos estados membro das Nacións Unidas para tomar medidas orientadas a erradicar a subordinación, desigualdade e opresión das mulleres.

Lembrando que a exclusión, a violencia ou calquera das variantes da discriminación cara as mulleres vulneran directamente os principios da igualdade de dereitos e do respecto da dignidade humana, recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos, desde COGAMI, ACADAR e CEMUDIS reivindicamos que toda muller ten un proxecto de vida e é un dereito fundamental e que sexa respectado en todos os sentidos.

Así mesmo, como entidade membro de CEMUDIS, plataforma para a visibilidade das mulleres e nenas con discapacidade, remarcamos tamén a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade (2006), na cal, ademais, entre os seus principios recoñece a importancia do seu papel incluíndo o enfoque de xénero.

Non podemos tampouco obviar a situación de crisis que nos acompaña desde fai dous anos coa chegada da COVID-19, que empeorou as condicións de vida e de participación das mulleres con discapacidade.

O pasado ano, CEMUDIS publicou o Informe final sobre a Situación social e laboral das mulleres con discapacidade, que reflexa unha realidade na que os seus dereitos fundamentais vense quebrantados, e é que, de todas as mulleres e nenas con discapacidade, case o 60 % recoñece ter vivido algún tipo de discriminación polo mero feito de ter discapacidade, e que a maior grao das mesmas, maior discriminación.

Por outra parte, resalta tamén que preto do 30 % afirman haber vivido algún tipo de violencia, e que soamente o 15,5 % denunciouno; manifestando que as principais dificultades para facelo son o medo e o sentimento de que non paga a pena.

Na situación laboral, e tendo en conta que o mes pasado celebrouse o día pola igualdade salarial, é preciso destacar que a fenda salarial afecta dobremente ás mulleres con discapacidade e é que o salario anual das mulleres con discapacidade diminuíu un 2,5 % desde 2010. Respecto aos homes con discapacidade, esta fenda sitúase nuns 2.895 € anuais menos.

Seguindo esta liña, tan so o 35,1 % das mulleres con discapacidade que participaron teñen un traballado remunerado. Estas dificultades fronte a empregabilidade e a baixa remuneración recibida levan a que moitas mulleres con discapacidade non poidan ter gastos imprevistos ou incluso cubrir gastos de vivenda.

Así, esta realidade afectada polas crises derivadas da COVID-19 e os continuos conflitos bélicos ao longo do mundo, perxudican especialmente as condicións das nenas e mulleres con discapacidade, poñendo en risco o desenvolvemento dos seus proxectos vitais e o acceso a recursos e oportunidades.

Por todo isto, ESIXIMOS:

Fomentar a participación social de todas as mulleres e nenas con discapacidade sen distinción.

Reforzar as liñas orzamentarias para incentivar a contratación das mulleres con discapacidade e a formación de mulleres e nenas con discapacidade.

Que a igualdade se converta nunha realidade deixando a un lado todos os postulados teóricos e sexa aplicada de forma efectiva en tódolos ámbitos da sociedade, sen importar a idade, discapacidade, identidade e orientación sexual, etnia, relixión, cultura ou nivel socioeconómico.

Poñer especial interese na sensibilización tanto á poboación en xeral como a equipos profesionais de entidades e corpos e forzas de seguridade, de calquera forma de discriminación ou violencia cara as mulleres e nenas con discapacidade.

Velar polo cumprimento de absolutamente todos os dereitos fundamentais recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos.

Incorporar de maneira definitiva o indicador da discapacidade en todos os proxectos subvencionados con fondos públicos que poidan estar relacionados coa violencia cara as mulleres e nenas.

Que sexa efectiva unha educación inclusiva e adaptada para as nenas e mulleres con discapacidade.

Que se realicen accións encamiñadas á erradicación do fracaso e/ou abandono escolar das nenas e mulleres con discapacidade.

Promover unha imaxe que se axuste á realidade, de forma positiva, das nenas e mulleres con discapacidade que poida favorecer á inclusión social do colectivos en todos os aspectos da vida.

Que desde os poderes públicos se recoñeza a labor desempeñada cada día polas entidades sociais que promoven a igualdade e dotan de recursos e servizos a colectivos en situación de vulnerabilidade, especialmente ás nenas e mulleres con discapacidade.

Que se garanta a vida independente e autónoma das mulleres e nenas con discapacidade.

Por iso, todas as organizacións que traballamos activamente na defensa e protección dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, reivindicamos a necesidade de seguir sumando e poñendo empeño para erradicar calquera forma de violencia ou vulneración dos Dereitos Humanos fundamentais das mulleres e nenas con discapacidade que aínda a día de hoxe se seguen producindo.