O servizo de emprego de COGAMI vén de incorporar unha nova orientadora laboral para atender as demandas das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que buscan traballo, ou pretenden mellorar o que teñen, nos concellos das comarcas de Ordes, Melide, Arzúa, A Barcala, O Sar e os concellos de Val do Dubra e Santa Comba.
Esta nova orientadora, Elisa Fernández, desprázase dúas ou tres veces á semana a estes concellos para facer seguimento das necesidades das persoas apuntadas na bolsa de emprego de COGAMI como tamén, para atender a aquelas que se incorporan por primeira vez ao servizo tras ser derivadas directamente polo Servizo de Orientación da súa Oficina de Emprego, por Servizos Sociais do seu concello ou mesmo ás que acoden ao servizo pola súa conta tras coñecelo por algunha amizade, redes sociais ou pola prensa, entre outros.
Actualmente, esta bolsa de emprego contempla 564 persoas apuntadas, sendo o 58% homes e o 42% mulleres e, no seguinte recadro, recóllese a procedencia destas persoas por concellos de empadroamento.
En canto ao perfil das persoas apuntadas na base de datos, o 68% sitúanse na franxa de idade entre 31 e 55 anos; o 75% das persoas teñen permiso conducir, maiormente os homes nun 63% mentres que as mulleres nun 37%, unha carencia que as limita a elas en maior medida no o acceso á vida laboral polas dificultades de desprazamento. Segundo o grao de discapacidade, un 86% das persoas atendidas teñen recoñecido o grao de discapacidade entre 33% e 64% e, en canto á formación recibida, a maior parte das persoas atendidas posúen estudos primarios ou graduado escolar (55%), seguidos de titulación de grao medio de formación profesional específica (14%) e graduado en ESO (13%).
Son varios os motivos que levan ás persoas a contactar co servizo de emprego de COGAMI: no caso das que acaban de ter recoñecida a incapacidade permanente total pola Seguridade Social buscan asesoramento en material laboral ante unha situación nova que se lles presenta, cales serían as compatibilidades co recoñecemento desta incapacidade e a realización de trámites; outras buscan coñecer os recursos que existen para atopar traballo, o tipo de formación que poden realizar ou como desenvolver un novo perfil profesional que permita ter maior posibilidade de conseguir un emprego, etc. Como o servizo de emprego xestiona directamente ofertas laborais con empresas das zonas, moitas das persoas que se apuntan na base de datos teñen interese en formar parte desta bolsa de emprego.
Entrevistas individualizadas
Días previos ao desprazamento, a orientadora concerta telefonicamente entrevistas individualizadas cun máximo de 5 persoas que vai desenvolver de xeito presencial, e tamén realiza accións grupais nas que se traballa e capacita ás persoas sobre aquelas ferramentas e plataformas idóneas que serven de apoio durante o proceso da busca de emprego.
O servizo de emprego de COGAMI nace en 1996 como unha aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral, sendo centro colaborador de Servizo Público de Emprego de Galicia, autorizado como axencia de colocación. Actualmente, este servizo de intermediación, orientación e prospección de emprego conta con preto de cincuenta profesionais de orientación laboral e axentes de emprego que traballan tanto nas zonas urbanas como tamén se desprazan ata as zonas rurais, evitando así que sexan as persoas usuarias as que teñan que desprazarse ata as cidades onde COGAMI conta con instalacións.
Para poder prestar servizo a estas persoas, COGAMI dispón de varios puntos de atención que adoitan ser espazos municipais, como o centro sociocultural Fernando Casas de Novoa de Oroso, a oficina da Mancomunidade de Ordes, o concello de Cerceda, o centro social de Melide, o local da asociación Amarai de Arzúa, a Casa do Concello ou locais de Servizos Sociais de A Barcala, en Negreira, servizos sociais de Padrón, o edificio Multiusos Terra de Xallas de Santa Comba e as instalacións da asociación Avante de Val do Dubra.
Para contactar co servizo de Emprego de COGAMI, pode ser a través do teléfono 981 574 698 ou a través do correo electrónico sil@cogami.gal.