Trala remisión de propostas e incidencias políticas e lexislativas do movemento asociativo da discapacidade, encabezado polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) recupérase unha asimilación legal aprobada no ano 2013 e que foi revogada polo Tribunal Supremo a finais do ano 2018 en base a razóns de carácter técnico, desaparecendo dende entón do noso ordenamento xurídico.
Coa aprobación desta norma se restablece a equiparación entre a incapacidade laboral recoñecida pola Seguridade Social coa discapacidade do 33% se ben, a diferenza da regulación anterior que establecía esa equiparación a todos os efectos, coa nova normativa a equiparación será só a efectos laborais.
Para COGAMI esta información acóllese con satisfacción. Segundo explica o secretario xeral, Víctor Silva, “esta equiparación favorecerá o acceso e permanencia no emprego das persoas traballadoras que adquiren unha incapacidade estando activas laboralmente, evitado a expulsión do mercado de traballo ou permitindo, no seu caso, a súa reincorporación, coincidindo así coa filosofía de COGAMI”.
Segundo datos extraídos do servizo de Emprego de COGAMI, o 20% das persoas apuntadas como demandantes de emprego teñen algún tipo de incapacidade laboral para profesión habitual. Nas oficinas de Lugo e Ourense chega a acadar o 32% o número de persoas con incapacidade permanente da Seguridade Social.
Coa aprobación desta equiparación, as persoas con incapacidade permanente terán a oportunidade de acceder tanto a centros especiais de emprego como á empresa ordinaria, e etas poderán ter acceso ás subvencións á contratación. No caso da empresa ordinaria que supere as 50 persoas traballadoras, poderán cubrir a cota que as obriga a que o 2% de persoas contratadas teñan discapacidade.