Son 14 as persoas da provincia de Pontevedra con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que se formaron no curso de Recepcionista - Conserxería que COGAMI impartiu na aula CEMIT do Concello de Marín.
Cunha duración de 120 horas, 50 horas teóricas e 70 prácticas en empresas da zona, as persoas participantes adquiriron a través desta formación coñecementos e competencias para poder acceder por primeira vez ao mercado de traballo ou para reciclarse profesionalmente.
O alumnado, con idades comprendidas entre os 30 e 60 anos, que procede dos concellos de Pontevedra, Marín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Cuntis e Pontecesures, tivo a oportunidade de formarse en ofimática aplicada ao posto para facilitar a adquisición de habilidades e competencias, e de poñer en práctica o aprendido en empresas próximas da súa zona de residencia habitual, de cara a facilitar o contacto co tecido empresarial na busca de emprego.
Unha vez finalizada a formación teórica e práctica, tivo lugar unha acción de mellora da empregabilidade para favorecer a posta en marcha da busca activa de emprego nas persoas participantes, das cales 5 atoparon emprego ao remate do curso.
Este curso forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego, que cofinancian Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, e está dirixido a persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral empadroadas na provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 62 anos.