Durante este mes de febreiro, a asociación Íntegro da Costa da Morte organiza un mercado solidario no que poñerá á venda produtos de segundo uso todos os sábados do mes nas instalacións do seu centro especial de emprego MáisPorvir situado en Baio (Os Muíños, nº 7- O Allo, no concello de Zas.
Os sábados 4, 11, 18 e 25 de febreiro, cun horario de 10:30 a 13:30 horas, será posible adquirir neste mercado produtos de mobiliario, téxtil, lámpadas, complementos, enciclopedias ou libros, a partir dun prezo mínimo de 2 euros.
Toda a recadación irá destinada a financiar actividades de lecer, enmarcadas no programa que desenvolve a entidade no centro de recursos de Nantón e que se chama Vida Comunitaria e Social, necesarias para promover a adquisición de experiencias que melloren a calidade de vida das persoas usuarias.
Dende Íntegro animan á participación nesta actividade solidaria, que ademais supón todo un exemplo de economía social e sustentabilidade. Para máis información, pódese contactar a través correo electrónico info@integro.es ou no WhatsApp 650 961 649.