• Novas
  • 11 de octubre de 2022

Iván Lamela: orientador laboral de referencia das persoas con discapacidade na Barbanza e Noia

Iván Lamela: orientador laboral de referencia das persoas con discapacidade na Barbanza e Noia

Iván Lamela entrou a formar parte do equipo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI o ano 2000, e foi en 2007 cando empezou a levar as zonas da Barbanza e Noia. Para evitarlle os desprazamentos ás persoas usuarias do servizo de emprego, acode semanalmente ata o centro da Terceira Idade de Boiro, ata a entidade Misela de Noia e ata o Auditorio de Rianxo para a súa atención.

O labor que se leva a cabo nestes espazos é o de atender ás persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual dos concellos de A Pobra de Caramiñal, Boiro, Lousame, Noia, Porto do Son e Ribeira que están desempregadas ou que buscan unha mellora de emprego. A meta é que consigan un posto de traballo, e durante o percorrido deste camiño, búscase potenciarlles o seu perfil profesional realizando itinerarios personalizados de cara á inserción laboral.

Durante estes quince anos de traxectoria laboral nestas comarcas, Iván Lamela deu de alta na base de datos do servizo de emprego de COGAMI a 763 persoas, das que lograron inserirse no mercado laboral un total de 471 persoas ao longo deste tempo. Estes logros chegaron tras un intenso traballo de sensibilización tanto social como empresarial. Segundo Lamela, para optimizar a contratación de persoas con discapacidade “é preciso reforzar a colaboración coas empresas, fomentar que as de máis de 50 persoas traballadoras cumpran a Lei de contratación de persoas con discapacidade e que as administracións locais se impliquen máis”.

A visión da discapacidade foi evolucionando nos últimos anos, de ser un colectivo totalmente illado con escasas ou nulas oportunidades, “a día de hoxe podemos subliñar que as persoas con discapacidade son parte activa na busca de emprego, se ben segue sendo necesario traballar a visión da discapacidade tanto na sociedade como no mundo empresarial”, describe Iván Lamela quen, na súa opinión, “a formación é unha ferramenta necesaria que serve como reciclaxe ao longo da vida laboral”.

O traballo de Iván Lamela, ao igual que a prestación de servizos de COGAMI a favor das persoas con discapacidade continúa actualizándose de xeito continuado. A día de hoxe, na bolsa de emprego das comarcas de A Barbanza e Noia hai 515 persoas inscritas como demandantes de emprego que, por concellos distribúense deste xeito: A Pobra do Caramiñal 12% persoas inscritas; Boiro 27% persoas; Lousame conta con 3% persoas; en Noia hai 26% persoas; en Porto do Son 6% persoas e en Ribeira hai inscritas na base de datos 26% persoas como demandantes de emprego. O perfil predominante das persoas usuarias destas comarcas son home, entre 41 e 55 anos e con estudos primarios.