• Novas
  • 02 de agosto de 2021

Logran a inserción laboral a metade das persoas formadas a través do programa Máis Emprego que desenvolve COGAMI na provincia de Pontevedra

Logran a inserción laboral a metade das persoas formadas a través do programa Máis Emprego que desenvolve COGAMI na provincia de Pontevedra

COGAMI fai balance de como se desenvolveu durante este primeiro semestre de 2021 o programa de inserción laboral Máis Emprego, dirixido a persoas con discapacidade e/ou con incapacidade laboral da provincia de Pontevedra para mellorar a súa situación sociolaboral

Un total de 102 persoas entraron a formar parte deste programa, 54 mulleres e 48 homes, todas elas procedentes da provincia de Pontevedra. Todas estas persoas, ademais de ter o certificado de discapacidade, tamén teñen en común correr o risco de estar en situación de exclusión social, por iso se traballa con elas de maneira individual, a través de itinerarios personalizados orientados de cara á inserción laboral.

Cofinanciado pola Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, Máis Emprego desenvolveu durante este ano un total de 5 cursos formativos con temáticas orientadas ás ocupacións máis demandadas por empresas da zona, como os de limpeza hospitalaria desenvolvidos en Pontevedra e A Estrada, auxiliar de servizos realizado en Pontevedra, de almacén e carretilla impartido en Cangas e de expendedor de combustible impartido en Vilanova de Arousa. O 54% das persoas que se formaron nalgún destes cursos logrou a inserción laboral.

Aparte dos itinerarios individualizados, a formación para a mellora da empregabilidade, a orientación laboral na busca activa de emprego e o apoio e seguimento, Máis Emprego contempla ademais a realización de visitas a empresas para captar ofertas de emprego e tamén, analizar as necesidades de especialización de persoal que teñen, que postos son os que contan con máis demanda.

Despois do verán, está previsto impartir un curso de expendedor de combustible e outro de auxiliar de servizos, ámbolos dous en Vigo. Ademais, seguiranse desenvolvendo seminarios orientados á inserción laboral, como o de alfabetización dixital e accións de mellora da empregabilidade.