Máis de 16.000 persoas beneficiáronse dos programas que desenvolve COGAMI para a promoción da autonomía persoal
  • Novas
  • 17 de noviembre de 2021

Máis de 16.000 persoas beneficiáronse dos programas que desenvolve COGAMI para a promoción da autonomía persoal

Un convenio de colaboración asinado durante este ano entre COGAMI e a Consellería de Política Social para o financiamento de actividades, programas e servizos de promoción da autonomía persoal e prevención e atención á dependencia beneficiou a un total de 16. 068 persoas usuarias e familias.

Tendo por obxectivo a prestación dunha atención o máis integral posible ás persoas con discapacidade e familias, esta colaboración permite fomentar a autonomía persoal para que sexa posible a inclusión social e laboral a través da participación activa das propias persoas.

As actividades desenvolvidas estiveron relacionadas cos servizos que presta COGAMI como o de información, asesoramento e orientación; intervención social nas áreas de muller, gran discapacidade, menores, centros e afectividade; o programa de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia; obradoiros de formación básica de alfabetización e informática; sensibilización e concienciación; voluntariado; actividades de lecer e respiro familiar; asesoramento e orientación en materia de accesibilidade e tamén no servizo de apoio ao movemento asociativo.

Entre os logros conseguidos tras estas accións levadas a cabo están que o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI recibiu 862 solicitudes novas e foron resoltas un total de 227 solicitudes de apoio trasladadas dende as entidades membro. Con respecto ao programa de Lecer, participaron durante este ano 270 persoas e as actuacións de sensibilización e concienciación sobre a discapacidade chegaron a 3.015 persoas.