• Novas
  • 03 de diciembre de 2021

Manifesto 3 de decembro Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Manifesto 3 de decembro Día Internacional das Persoas con Discapacidade

MANIFESTO:

Nas sociedades democráticas, a Constitución é a máxima e superior expresión do ordenamento xurídico; a que establece os dereitos e deberes da cidadanía; a que ordena a convivencia social conforme aos principios e valores da liberdade, a igualdade e o pluralismo; a que define e asegura as formas democráticas de goberno e a que regula o funcionamento dos poderes públicos, que deben estar ao servizo da comunidade, promovendo o ben común.

As persoas con discapacidade, como parte valiosa da familia humana e das comunidades sociais e políticas nas que esta se organiza, deben estar refletidas nas Constitucións dende un enfoque esixente de dereitos humanos, que garanta a súa inclusión, participación e benestar, sin discriminacións ni relegacións de ningún tipo.

A Constitución Española de 1978, vixente na actualidade, incorporou expresamente ás persoas con discapacidade ao seu texto, dedicándolles o artigo 49, o que representou un grande avance por canto este grupo social, tantas veces omitido e desconsiderado ao longo da historia, gozaba de visibilidade, sendo relevante aos efectos da promoción e a protección constitucionais dos seus dereitos.

A pesar dese logro -poucas Constitucións no mundo nese momento tiñan presente ás persoas con discapacidade-, tras máis de corenta anos dende a aprobación da Constitución Española, o seu artigo 49 precisa unha renovación, porque nin a terminoloxía empregada nin o contido están alienados coa visión plena de dereitos humanos, que é a única abordaxe admisible na relación coa discapacidade. A Constitución de 1978 mellórase a si mesma, afonda e estende os seus principios, valores e mandatos se actualiza a súa mirada sobre as persoas con discapacidade.

Consciente desta necesidade de cambio, o movemento social da discapacidade leva anos propoñendo a reforma do artigo 49 da Constitución Española, pasando a ser a primeira de contido nitidamente social do Texto Legal máximo nas máis de catro décadas de vixencia. E isto, sempre co maior dos consensos políticos e sociais, pois os dereitos das persoas con discapacidade son un elemento do acervo compartido das sociedades democráticas avanzadas, que serven para superar as disputas e as fracturas tan estendidas hoxe na vida política.

Tras anos de esforzo do sector social da discapacidade, auténtico promotor deste proceso de modificación constitucional, na primavera deste ano 2021 chegaba por fin as Cortes Xerais, remitido polo Goberno de España, un proxecto de reforma do artigo 49 da Constitución Española, que agarda ser debatido e tramitado,  reúne ás maiorías reforzadas precisas cando se trata de cambios no texto constitucional, para resultar aprobado e entrar finalmente en vigor.

A reforma proposta, produto de debates parlamentarios, sociais e académicos previos, que acadaron un elevado grado de coincidencia, desterra expresións ferintes e insostibles por máis tempo para referirse ás persoas con discapacidade (“diminuídos”) e dota dun novo contido o artigo con arranxo aos conceptos, valores e propósitos que hoxe configuran un entendemento e práctica apropiados dos dereitos e deberes das persoas con discapacidade, incluídas as mulleres e nenas, a quen nomean expresamente.

O clamor cidadán que alentou esta reforma -que en si e por si mesma é unha mellora do país, que eleva a calidade de texto constitucional e o seu nivel de esixencia ética, política e xurídica, ao comprometerse máis intensamente cos dereitos, a inclusión e o benestar con esa parte da diversidade social que son as persoas con discapacidade- debe verse necesariamente acompañado por todas as forzas políticas con representación parlamentaria, mediante a expresión dun apoio firme e claro.

Ante este fito social, que despois de moitos avatares e dilacións hoxe é máis real e próximo ca nunca, dende o movemento CERMI, no Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, reclamamos a todos os partidos políticos, e en especial a aqueles que mostraron reticencias, que se sumen, co seu respaldo, intervindo parlamentariamente para perfeccionar o texto de partida, á primeira reforma social da Constitución Española, que vén da man das persoas con discapacidade e das súas familias, e que non pretende senón facer do noso país un proxecto máis suxestivo e decente de vida en común.