Entrelazando fíos na urda, en inglés Threads crossing the warp ou CROSSWARP, é como se denomina o proxecto europeo no que participa o centro de recursos que COGAMI ten en Medelo (Silleda) no que se pretende recoller nun manual a arte de tecer en teares antigos para posteriormente formar ás persoas usuarias do centro.
Financiado a través da convocatoria ERASMUS+ 2019 Round 1 KA2 o proxecto, ademais de en COGAMI, tamén se desenvolve noutras entidades sociais procedentes de Grecia, Romanía, Albania e Portugal, tendo como data de inicio setembro de 2019 e cunha duración de tres anos, con data de finalización o 31 de agosto de 2022.
Nesta primeira parte do proxecto, formouse a persoal técnico das entidades participantes no manexo de teares de pedal, proceso que se recolle nun manual explicativo e redactado de maneira clara, breve e entendible para persoas con discapacidade intelectual, xa que esta vai ser a finalidade da guía: que as persoas usuarias das entidades aprendan a manexar os teares baixo explicacións sinxelas e adaptadas ás súas capacidades.
Ademais de redactar manuais para formadores e alumnado, a través de CROSSWARP preténdese manter ou abrir obradoiros de tecido como centros de formación profesional, co fin de mellorar a inclusión de persoas con discapacidade intelectual a través da creación de postos de traballo dentro do ámbito do tecido, ademais de ofrecer oportunidade ás comunidades locais de asistir a seminarios de tecedura inclusiva.
Dúas monitoras de Medelo xa participaron na primeira fase deste proxecto, formándose e colaborando na redacción da guía e agora, nesta segunda fase son un total de 15 as persoas usuarias do centro de recursos de Medelo as que inician este mes a súa participación, sendo outros perfís participantes doutras entidades europeas outros grupos sociais vulnerables como persoas desempregadas de longa duración ou mulleres, entre outros.
Os seminarios de formación terán unha duración de 600 horas, sendo teóricas 150 horas e as 450 restantes serán horas prácticas. Superado este período de formación, o alumnado formará parte dun proxecto que busca contribuír no renacemento da arte tradicional do tecido, en perigo de esquecemento debido á mecanización deste proceso. Ao mesmo tempo, conta cun gran valor educativo polo seu potencial para o desenvolvemento de habilidades motrices finas e delgadas, atención, concentración e desenvolvemento psicosocial.