• Novas
  • 20 de octubre de 2020

O Parlamento de Galicia comprométese na loita contra a pobreza, o discurso do odio e a aporofobia

O Parlamento de Galicia comprométese na loita contra a pobreza, o discurso do odio e a aporofobia

O Parlamento de Galicia racha de xeito rotundo coa crispación política en España e aproba por unanimidade unha Declaración Institucional comprometéndose a ‘seguir avanzando na loita contra a pobreza e contra o interesado discurso do odio e a ‘desinformación e visións distorsionadas das persoas en exclusión social.

A Declaración, promovida por EAPN Galicia, da que forma parte COGAMI, advirte que a crise social e económica polo COVID-19 está tendo impacto especialmente en persoas e familias con factores de risco engadidos, e que as medidas máis eficaces na loita contra a pobreza son as máis afastadas do asistencialismo.

Os grupos políticos que compoñen o Parlamento de Galicia rachan de xeito rotundo coa crispación da política española e aproban por unanimidade unha Declaración Institucional que reafirma o seu compromiso na loita contra a pobreza e a exclusión social o odio e a aporofobia. A acción foi proposta por EAPN Galicia -Rede Europea Contra a Pobreza- con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza que se celebra o 17 de outubro.

A Declaración apróbase nun contexto de crise sanitaria, social e económica derivada da pandemia polo COVID-19 e senta as bases do traballo a desenvolver na nova lexislatura perante as persoas en situación de pobreza u exclusión social. De feito, recoñécese que ‘a crise sanitaria afectou e está a afectar de xeito significativo ás persoas e familias cos ingresos máis baixos, con traballos precarios e baixa intensidade laboral e con outros factores de risco como a discapacidade, monoparentalidade, violencia machista (en especial por prostitución, trata ou explotación sexual), etnia, persoas maiores ou con dependencia, poboación rural, migrantes ou refuxiadas‘.

A Declaración conclúe recoñecendo que ‘as persoas non son culpables da súa pobreza‘, ‘ninguén é culpable do seu sufrimento‘, ‘ningunha persoa é inútil‘, e que ‘nin a pobreza nin a exclusión social se combaten de xeito individual‘; facendo un chamamento a ‘non caer na ignorancia dos prexuízos, e de seguir avanzando na inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna’.

Podes descargar o manifesto integro neste enlace