• Novas
  • 31 de agosto de 2023

O servizo de Emprego de COGAMI en Ourense acolle unha alumna en prácticas para colaborar na súa capacitación profesional

O servizo de Emprego de COGAMI en Ourense acolle unha alumna en prácticas para colaborar na súa capacitación profesional

O servizo de Emprego de COGAMI en Ourense contou durante dez días cunha alumna en prácticas. Mariela Hernández formouse nun curso de Asistencia documental e xestión en despachos e oficinas que se impartiu na Asociación de Centros Homologados. Para completar os coñecementos teóricos adquiridos, Mariela realizou as 80 horas de prácticas tutorada polo equipo de profesionais en orientación laboral de COGAMI.

Financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, esta formación, recollida no plan AFD (Plan Formativo para o Emprego das persoas traballadoras desempregadas de Galicia para o período 2022-2023) ten a finalidade de favorecer o acceso ao mercado laboral e tamén ofrecer a oportunidade de reciclaxe da persoa.

Neste caso, Mariela, orixinaria de Honduras, intenta homologar as titulacións que xa trouxo do seu país de orixe, para poder inserirse canto antes ao mercado laboral. Con este fin, iniciará en breve un ciclo de Formación Profesional Dual, que lle proporcionará, ademais de coñecementos, máis oportunidades de inserción.

Durante os 10 días que Mariela estivo realizando as súas prácticas, capacitouse en tarefas de atención telefónica, recepción de persoas usuarias que acudían ao servizo, actualizou a base de datos das persoas apuntadas no servizo como demandantes de emprego e tamén prestou apoio administrativo.

A través da impartición de cursos como este, COGAMI contribúe na preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas para mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.