Despois dun ano de parón obrigado pola pandemia, o veleiro Laion de COGAMI volveu saír ao mar cun grupo de mozas e mozos con discapacidade, usuarios do programa do Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal que se desenvolve no CEGADI, en Santiago de Compostela.
Tras embarcar dende o porto deportivo de Muxía, o grupo formou parte dunha acción formativa de vela adaptada, financiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e centrada no desenvolvemento das persoas mozas con discapacidade, como ferramenta de apoio á mellora das súas capacidades e habilidades.
Ademais de poder navegar este grupo formado por xente nova, o Laion ten programadas outras travesías nas vindeiras semanas, sendo unha delas o vindeiro martes, 14 de setembro, en horario de 11 a 14 horas con persoas usuarias da asociación INTEGRO da Costa da Morte. Pola tarde, de 16 a 19 horas, navegarán persoas usuarias da entidade AIXIÑA de Ourense. O mércores, 15 de setembro, na quenda da mañá embarcará a entidade ALCER Coruña e na da tarde serán persoas usuarias de ACEM Coruña.
O veleiro Laion este ano presenta dúas novidades: por unha banda renova o lugar de amarre, estando a partir de agora nun pantalán de Muxía e, por outra banda, estrea tripulación. Despois de dezasete anos de colaboración do patrón Ramón Acuña como voluntario no manexo do barco, pasoulle o testemuño a outro grupo de persoas voluntarias e colaboradoras como Noemí Bermúdez e Marcos Trigo de Cataventos, a asociación que xestiona o porto deportivo de Muxía.
Dezanove anos navegando polas rías galegas
O veleiro Laion forma parte do programa GAVEA (Galicia Vela Adaptada), un proxecto que nace en 2002 despois de que a Audiencia Nacional llo incautara ao narcotráfico para cederllo en garda e custodia á asociación muradá ADISBISMUR, entidade membro de COGAMI.
Dende daquela, foron máis de 4.000 persoas as que puideron participar en actividades náutico-deportivas ao permitirlles o embarque ás que teñen mobilidade reducida, empregando o uso dun guindastre instalado na botavara e duns backets instalados na bañeira do barco. Ademais, o control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo que calquera persoa con discapacidade poida gobernar o barco.

Características do veleiro Laion
O Laion, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.
Ao longo dos anos, o proxecto GAVEA participou e eventos náuticos tanto galegos como internacionais, como foron a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, a viaxe ao Fórum Barcelona 2004, as singraduras pola Costa Cantábrica, a 32ª Edición de la America´s Cup de Vela- Valencia 2007 realizando actividades de vela adaptada durante o transcurso da mesma, a Regata Teresa Herrera, a Regata Tall Ship Race, ou a I Travesía Náutica Xacobea.