O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asistiu á presentación de Navega o Camiño, unha travesía náutica xacobea que se celebrará entre os días 11 e 19 de xuño entre Ribadeo e o río Ulla, por onde navegarán embarcacións durante sete etapas pasando por 15 dos 30 portos deportivos vencellados á ruta marítima de Santiago.
O veleiro Laion que forma parte de COGAMI será unha das embarcacións participantes desta travesía e navegará xunto a outras como NorthMarinas, Asnauga, Mariñas de Galicia e un barco oficial da Xunta de Galicia no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos para promocionar a costa e as instalacións portuarias galegas e impulsar a incorporación de perfís de navegantes da náutica de recreo.
Na presentación deste evento, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu o esforzo realizado a todas as entidades organizadoras e dirixiu especialmente unhas palabras a COGAMI, “por demostrar que todos os colectivos poden participar de forma activa en iniciativas coma esta e vivir de preto o mundo do mar”.
Esta VI edición de Navega o Camiño será presentada na feira internacional de turismo Fitur 2021 para animar a todas as persoas navegantes a participar nesta ruta que finalizará coa chegada en catamarán a Padrón e completando a pé o último tramo do Camiño en dirección a Santiago.