Ortegal Oil, Ramos Vigo, S.L. e Gasoneumático S.L., colaboran con COGAMI na formación de persoas con discapacidade
  • Novas
  • 10 de junio de 2021

Ortegal Oil, Ramos Vigo, S.L. e Gasoneumático S.L., colaboran con COGAMI na formación de persoas con discapacidade

Finalizou o curso de Empregada/o de Gasolineira que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) puxo en marcha con 8 persoas con discapacidade, 1 muller e 7 homes, nas instalacións que ten en Ferrol (Rúa Sánchez Calviño, nº56-58).

O alumnado asistiu a clases teóricas presenciais durante 165 horas nas que interiorizaron materias relacionadas coa atención ao cliente e técnicas de venta, informática e conceptos básicos aplicadas ás estacións de servizo, ademais de módulos transversais sobre prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos. Para completar a formación, realizaron prácticas laborais en estacións de servizo da comarcas de Ferrolterra e Ortegal, unha oportunidade para ter un contacto directo co posto de traballo para o que se formaron.

Para levar a cabo estas clases prácticas, é necesario contar coa colaboración de empresas que se involucran na formación das persoas, facilitándolles as ferramentas e habilitándoas cara ao desenvolvemento profesional e a adquisición dunha oportunidade laboral. É o caso das empresas de carburantes Ortegal Oil, Ramos Vigo, S.L. e Gasoneumático S.L., que se prestaron a finalizar a formación do alumnado formado neste curso de empregada/o de gasolineira.

Durante 100 horas, o alumnado acudiu ás estacións de servizo de Ortegal Oil dos polígonos de Vilar do Colo, Río do Pozo, a Rega en Ortigueira, ademais de Ramos Vigo en Catabois e Gasoneumático de As Lagoas. María López Rubal, responsable de RRHH do Grupo Ortegal Oil, cre que esta formación é necesaria porque o posto de dispensador de gasolina foi evolucionando co tempo, “non só se dedica a dispensar combustible, tamén ten que ter coñecementos de atención ao público, manexo de aplicacións, atención en tenda, saber ler un albarán, saber usar pago ao contado e con tarxetas, agora é máis complexo”, explica.

A colaboración entre estas empresas e COGAMI ten unha traxectoria que supera os cinco anos. Na opinión de Gustavo Testa, xerente de Ramos Vigo, SL e Gasoneumático SL, “toda a xente merece unha oportunidade”, e por iso dende as empresas que representa colabora co servizo de orientación laboral de COGAMI, co fin de poder ofrecer oportunidades orientadas á inserción.

O alumnado que formou parte deste curso comprendía idades entre os 24 e os 61 anos, con experiencia laboral en sectores da restauración, venda ambulante, fotografía, reparto de comida a domicilio, xardinería, cantería e loxística. Esta oportunidade formativa supón unha reciclaxe profesional e unha posible oportunidade laboral noutro campo dentro do mercado.

“Alégrome de formar parte desta experiencia. Realizar prácticas en empresas permite que exista unha proximidade, permite quitar esas barreiras mentais ou conceptos que se poidan ter sobre a discapacidade e aumenta a confianza na persoa”, conclúe María.

Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo e enmarcado na convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “Un a Un”- ano 2020 no marco do programa operativo POISES 2014-2020, este curso pretende dar resposta a unha demanda real de profesionais de atención en estacións de servizo, ao mesmo tempo que se mellora a oportunidade de empregabilidade destas oito persoas, todas elas apuntadas no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI como demandantes de emprego.