• Novas
  • 10 de febrero de 2023

Preto de corenta consultas sobre accesibilidade foron remitidas a COGAMI durante o ano 2022

Preto de corenta consultas sobre accesibilidade foron remitidas a COGAMI durante o ano 2022

Dende que inicia en 2003, a área de Accesibilidade de COGAMI ten como función asesorar sobre axudas técnicas e lexislación para que os espazos e servizos sexan humanizados conforme a criterios de accesibilidade universal. Nos inicios, pretendíase resolver os problemas na vivenda familiar e, co paso do tempo, ampliouse esta función ata ofrecer un servizo de asesoramento en obras de espazos urbanos en beneficio do conxunto da sociedade.

Ata esta área deriváronse, tanto a través de correo electrónico, como por teléfono ou presenciais, un total de 39 consultas, a maioría delas relacionadas con facer accesible a entrada dun edificio e sobre como eliminar escaleiras situadas antes do ascensor. Outras consultas son as referidas a como adaptar o interior da vivenda familiar, sendo o espazo máis consultado a adaptación da zona de aseo.

Tras estas consultas, o persoal da área de Accesibilidade traslada unha resposta que pretende ser a solución máis doada para a persoa. Durante 2022 realizáronse un total de 70 asesoramentos, 34 na provincia de A Coruña, 6 en Lugo, 3 na de Ourense e 27 en Pontevedra. Este asesoramento resulta ser gratuíto para as persoas con discapacidade.

Moitas das consultas que chegan sobre accesibilidade rematan en intervencións dun profesional experto que se despraza ata o domicilio para tomar datos, medidas e fotografías dos espazos, co fin de elaborar un informe que reflicte o estado actual e as propostas de mellora da vivenda, espazos comúns ou espazo público, sempre tendo en conta as necesidades que presenta a persoa.

Durante 2022 realizáronse 31 intervencións, visitas nas que se analizan as necesidades da persoa nos elementos que precisan ser adaptados, tratando de coñecer as necesidades da persoa, trasladaranse as melloras máis propicias. Todas as solucións aportadas dende COGAMI van ser recollidas no informe final no que se recollen as intervencións.

Dende a área de Accesibilidade de COGAMI subliñan que cando se fai unha mellora de accesibilidade nun inmoble, ademais da persoa primeiramente interesada, tamén se benefician das melloras as veciñas e veciños, negocios u oficinas, persoas que reparten mercadorías, en definitiva, toda a sociedade sae beneficiaria.