Na Casa Común de Rarís do Concello de Teo, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, Alcer Coruña, reuniu un total de 27 persoas usuarias procedentes das tres delegacións que a entidade ten en Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, coa finalidade de poder desenvolver o I Encontro de Persoas Voluntarias desta entidade.
A xornada comprendeu unha formación sobre dereitos e deberes das persoas voluntarias e sobre habilidades sociais, para mellorar a labor participativa e de visibilidade nas diferentes actividades que a entidade desenvolve ao longo do ano. Nesta xuntanza, tres persoas voluntarias expuxeron a súa labor dentro da entidade e describiron as tarefas nas que participan de forma activa.
Tralo xantar, todas as persoas asistentes puideron desfrutar dunha foliada a cargo do grupo O Son do Pote, ademais de recibir o diploma pola formación recibida, o manual de voluntariado específico de Alcer Coruña e un identificador.