• Novas
  • 07 de enero de 2022

Rematan 16 proxectos desenvolvidos por COGAMI e entidades membro a través do Plan de Prioridades da Fundación ONCE

Rematan 16 proxectos desenvolvidos por COGAMI e entidades membro a través do Plan de Prioridades da Fundación ONCE

Dos 28 proxectos financiados durante este ano 2021 a través da convocatoria de subvencións de COCEMFE, entidade que ten un acordo coa Fundación ONCE para executar o Plan de Prioridades, un total de 16 finalizaron no mes de decembro, sendo estes de atención para a autonomía persoal e dirixidos a persoas con discapacidade.

Entre os proxectos desenvolvidos houbo un de atención integral para persoas do norte da provincia de Lugo e parte dos servizos dos centros de recursos de Fingoi e Mos; o programa de servizos de autonomía e participación no rural ourensán da Federación Discafis-COGAMI e tamén o servizo de atención integral e inclusión das persoas con discapacidade da asociación Amizade de Pontevedra.

Entre os programas especializados executados destacan o de atención especializada para pacientes de artrite da asociación Conartrite-Asearpo; o servizo de atención integral a persoas con fibrose quística; o programa de vida autónoma e independente das persoas afectadas por enfermidades neuromusculares de Asem Galicia; o proxecto transplantarte de Asotrame; o programa de atención integral a persoas con enfermidade inflamatoria intestinal de ACCU; o servizo de atención do impacto no proxecto de vida a persoas con enfermidade renal crónica e familiares de Alcer Coruña; o proxecto de vida independente de Aodem para persoas con parkinson e enfermidades raras e o programa de atención temperá de Misela.

Outros proxectos financiados a través do Plan de Prioridades foron as reformas do taller ocupacional da asociación Ámbar; a creación dun horto ecolóxico pola asociación Adisbismur e un vehículo adaptado para o centro de recursos da asociación Agora. En total, a través de todos estes proxectos desenvolvidos durante este ano 2021, resultaron beneficiarias 1.500 persoas.

Outros proxectos aprobados en 2021 seguirán desenvolvéndose durante o ano 2022, como ocorre co da mellora da accesibilidade e seguridade do recinto da asociación Amarai, as melloras no centro de recursos de Íntegro, o servizo de atención e prevención dos trastornos de desenvolvemento infantil de Vontade e o proxecto INNOVA de ACEM Compostela. Outros proxectos que continúan son a vivenda tutelada de Avante, o programa de fisioterapia das asociacións Adapta e AGL, o programa de apoio social a persoas afectadas por enfermidades neuromusculares de Avempo, o programa de axudas de emerxencia para persoas con enfermidades renais crónicas de Alcer Ourense, o de atención psicosocial especializado neste mesmo colectivo de Alcer Pontevedra e o programa de sensibilización sobre linguaxe inclusiva de ACADAR.