Por traballar en rede, por facer máis unión e coller forza nas reivindicacións, por formar parte dunha estrutura asociativa que che axude e protexa, por poder acceder a subvencións, axudas públicas ou á prestación de servizos gratuítos,... estas son algunhas das razóns polas que entidades sociais deciden unirse a agrupacións máis grandes e con maior ámbito de actuación.
Cada ano, son moitas as entidades do sector da discapacidade que contactan con COGAMI ou con calquera das súas catro federacións provinciais, na procura de información para entrar a formar parte como unha entidade membro máis que se una ás cincuenta e seis existentes. Actualmente, son sete as entidades que manteñen este contacto de adhesión a través dalgunha das catro federacións provinciais.
Dende COGAMI a resposta é clara: é necesario que cumpran cuns requisitos que comparten as catro federacións que, ademais de compartir os valores e principios da Confederación, a entidade debe estar inscrita legalmente no rexistro autonómico. Os seguintes pasos serán presentar a documentación relacionada cos estatutos, a inscrición no rexistro, a xunta directiva, as memorias de actividades e balances económicos dos últimos anos, ademais de entregar un acordo de integración. No caso de que sexa unha federación a que pide a entrada en COGAMI, debe presentar a relacións de entidades que a integran e, de ser unha entidade, debe presentar o número de persoas socias.
O acceso como membro directo de COGAMI, sen pasar por unha das federacións provinciais, exixe uns requisitos de admisión a maiores como carecer de ánimo de lucro, estar constituídas legalmente, compartir fins, principios, valores e criterios coincidentes, adherirse ao código ético, respectar as normas internas, tres anos de antigüidade como mínimo, contas auditadas, ou estar declarada de utilidade pública, entre outros.
Ter un movemento asociativo forte, estable, unido, que camiñe nunha mesma dirección permite ser un grupo de presión social e político importante, un eixo fundamental para a reclamación de dereitos das persoas e que permitan un cambio social no país, na busca da calidade de vida das persoas.
Dende que as entidades contactan para entrar en COGAMI ata que se lles aproba esta adhesión adoitan pasar seis meses, un período que marca o proceso de ratificación na asemblea que se celebra anualmente. Dende a área de Fortalecemento do Movemento Asociativo (FMA) traballan coa entidade dende o envío da solicitude para ir axilizando a tramitación da documentación.
Uns dos recursos que máis demandan as entidades membro son os económicos seguidos dos loxísticos como espazos, de apoio técnico en comunicación e difusión, rexistros ou de temática xurídica, ademais de xestión contable, laboral e financeira.