Un grupo formado por sesenta alumnas e alumnos do centro escolar CPI Tino Grandío de Guntín participou nunha xincana inclusiva co fin de promover a igualdade e a inclusión entre o alumnado dos cursos de 3º e 6º de primaria.
Esta actividade, desenvolvida por COGAMI e COCEMFE, forma parte dun proxecto que pretende promover a escola inclusiva e a igualdade de oportunidades no alumnado con discapacidade.
A actividade realizada consistiu na realización de catro probas diferentes que tiveron que superar os equipos formados por rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, tendo como finalidade fomentar no alumnado a capacidade de análise e de escoita, ademais de traballar a reflexión no grupo e a diversidade.
Algunha das probas consistiron en xuntar un produto de apoio coa súa parella, realizar un circuíto en cadeira de rodas con obstáculos no traxecto, percorrer con bastón branco e antiface un treito e, por último, participar nun trivial inclusivo que axude ao alumnado a desenvolver conciencia crítica sobre a accesibilidade e a contorna na que viven.