José Antonio Agra, coa crise de 2011, foi despedido da empresa na que estaba traballando e non tivo máis remedio que ter que facer as maletas e marchar fóra do país para buscar unha oportunidade laboral que aquí vía case imposible.
E foise para Brasil, cunha maleta chea de experiencias, coñecementos e con moitas gañas de volver ao mercado laboral. Conseguiuno nunha empresa de distribución de bebidas que o contratou como xerente. Refixo a súa vida alá, estaba contento pero, un problema de saúde tróuxoo de volta para Galicia en 2018. Foi operado das dúas cadeiras, tivo que poñer próteses e con elas dedicarse a coidarse por un período de tres anos, aproximadamente.
José Antonio chega a COGAMI, como el mesmo define “desmotivado” porque para el, ter discapacidade e con 55 anos, cría que sería imposible atopar un emprego. Tiña unha titulación de licenciatura en dereito, ampla experiencia laboral e coñecementos para aportar na empresa pero, para el pesaban máis os pesimistas. “Pensaba que non ía ser fácil”, explica, “estaba con moita preocupación”.
Dende o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI, traballouse con José Antonio animándoo a que se presentara a ofertas de emprego ás que tiña oportunidade de inserción. Así foi. Traballa nunha inmobiliaria de Santiago na que se encarga un pouco de todo, dende a xestión diaria de alugueres ata a venda, asesoramento no sector inmobiliario.
“Estou contento e agradecido coa empresa por apostar por min, unha persoa con discapacidade e coa miña idade”, expresa José Antonio, quen engade que “non é habitual que confíen en nós porque hoxe en día con 55 anos es un vello, entrar no mercado laboral é complicadísimo”.
Complicado ou non, o caso é que José Antonio traballa na inmobiliaria Óptima e como el mesmo remata a conversa expresa que “hai empresas que si apostan por xente como nós e esta é unha delas”.