• Xeral
  • 21 de septiembre de 2022

Iván Lamela, orientador laboral de COGAMI: o meu traballo sae redondo cando consigo unha inserción laboral que conleva unha mellora da súa inclusión social

Cando empezas a traballar en COGAMI e concretamente no SIL?

Empecei en 2000 no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral que temos en Lugo durante cinco anos, logo fun para a oficina de A Coruña durante dous anos e en 2007 vin para Santiago para levar as zonas da Barbanza e Noia.

Como definirías o teu traballo brevemente?

Axudar ás persoas, tanto desempregadas como aquelas que están na mellora de emprego, a conseguir a meta de atopar un posto de traballo, potenciar o seu perfil profesional a través de itinerarios formativos encamiñados á mellora da súa empregabilidade e reciclaxe profesional, así como desenvolver competencias para facilitar a súa inserción laboral.

Como foi a evolucionando durante estes anos a visión da discapacidade nas zonas rurais nas que traballas. Que cambios aprecias?

Responder a esta pregunta conleva diferenciar entre as persoas con discapacidade e o tecido empresarial. Con respecto ao grupo social das persoas con discapacidade, a principios de 2000 había unha concepción por parte das familias, principalmente nas áreas rurais, moi asistencial, centradas en acadar unha pensión non contributiva e que a persoa colaborara nas tarefas do fogar. Este modelo social freou durante moitos anos o desenvolvemento tanto persoal como social e profesional do noso grupo social. Neste punto cabe destacar o gran labor que levou a cabo o movemento asociativo, apoiado nos servizos sociais do eido local, de traballo directo coas familias, para que se fora producindo o cambio de modelo que temos.

A día de hoxe podemos subliñar que as persoas con discapacidade deron un paso ao fronte á hora de afrontar a busca activa de emprego. Asume que a formación é unha ferramenta moi útil para a mellora da súa empregabilidade e inscríbese nos diferentes servizos de intermediación laboral e, sobre todo, afianza a confianza nas súas capacidades á hora de desempeñar un traballo.

Con respecto ao tecido empresarial, o cambio é moi substancial. Aínda queda camiño por percorrer pero, pasouse de relacionar ás persoas traballadoras con discapacidade co absentismo laboral e a baixa produtividade a incorporalas nas empresas e nos procesos de recrutamento como o resto de persoas traballadoras. Ao meu entender, este cambio vén promovido por factores diversos como: o cambio xeracional nas áreas de Recursos Humanos que fomentan a igualdade de oportunidades; a diversidade e o talento das persoas; o reforzo da responsabilidade social corporativa como valor engadido das empresas e, por suposto, o traballo de sensibilización levado a cabo polas entidades representativas da discapacidade.

Que quedaría por mellorar?

Respecto ás áreas rurais que son das que me encargo eu na comarca de Barbanza, destacaría a necesidade de mellorar o transporte público porque isto permitiría a moitas persoas usuarias que non dispoñen de carné de conducir ampliar o ámbito xeográfico de base. Tamén é preciso mellorar a oferta formativa adaptándoa ás necesidades do tecido empresarial da zona e aos novos xacementos de emprego.

Reforzar a colaboración coas empresas, potenciar a formación á carta en función das necesidades e demanda de perfís profesionais; controlar que as empresas de máis de 50 persoas traballadoras cumpran a Lei de contratar a persoas con discapacidade, optimizar o acceso a Internet e que as administracións locais se impliquen máis, son outros das miñas propostas de mellora para unha mellora na inclusión.

Outras medidas moi importantes son contratación pública ou externalización de servizos a centros especiais de emprego porque xerarían maior contratación, adoptar medidas de conciliación que favorezan a incorporación da muller con discapacidade ao emprego e potenciar a creación de contornas inclusivas e accesibles nas empresas.

Neste tempo de traballo na zona, que momento definirías como satisfactorio para ti?

Sempre que polo labor da intermediación laboral cunha empresa, se consegue que haxa unha inserción laboral dunha persoa que está apuntada na nosa bolsa de traballo. Outros momentos destacables é cando lles damos resposta ás súas necesidades formativas, cando lle resolvemos as consultas que nos remiten, por exemplo.

Que necesidades presenta unha persoa cando contacta co servizo de emprego de COGAMI? Por que acoden a nós?

Polo xeral, contactan porque están na procura de emprego, buscan mellorar a súa cualificación profesional a través de formación, solicitan orientación laboral, información sobre as prestacións que lles aporta o ter recoñecido o 33% de discapacidade, por exemplo, e, cando teñen o certificado de incapacidade laboral que concede a seguridade social, acoden con moitas dúbidas e inquedanzas sobre a posible volta ao traballo.

Con respecto a por que acoden a COGAMI, na miña opinión, é polo bo facer da entidade ao longo dos máis de trinta anos de experiencia da nosa Organización na defensa dos intereses e apostando pola inclusión social das persoas con discapacidade.

A xente da zona queda na comarca ou ten que saír a outras con máis posibilidades de inserción?

Subliñar que aquí a resposta depende da comarca e do tecido empresarial da mesma. No meu caso, traballo en comarcas onde moitas persoas usuarias presentan esa flexibilidade para valorar ofertas de traballo noutras zonas xeográficas, sempre que as condicións laborais sexan satisfactorias.

Cales, na túa opinión, son as novas necesidades das empresas?

Por suposto que, despois de trinta anos, cambiaron as necesidades das empresas para cubrir postos de traballo. As cadeas de produción modernizáronse, implementaron novas tecnoloxías e xurdiron novos xacementos de emprego que crearon novas empresas que precisan de perfís profesionais moi especializados.

Con respecto ás demandas de emprego tradicionais, acceder a elas requiren dun proceso de actualización no manexo de competencias dixitais, uso das TIC e o afianzamento e dominio de determinadas competencias profesionais como o traballo en equipo, a capacidade de adaptación aos cambios, a mellora da comunicación, a flexibilidade e iniciativa, por exemplo.

Que anécdotas podes contarnos da túa traxectoria profesional?

Moitas, claro. Algunha das que me vén á cabeza é a dun usuario que me enviou o seu currículo cunha foto na que se ve que vai conducindo e no fondo aparece a súa cara a través do espello retrovisor.

Que cualidades destacarías dun profesional da orientación laboral?

Empatía, actitude de servizo, adaptación ao cambio, escoita activa, iniciativa, traballo en equipo, coñecemento da contorna e saber o correcto uso das TIC.

Para rematar, o teu traballo sae redondo cando...

Consigo unha inserción laboral que conleva unha mellora da súa inclusión social da persoa usuaria.