• Xeral
  • 10 de agosto de 2021

Juan Díaz: “Tes que pelexar por ter posibilidades de elixir”

Esta historia é das que nos gustan porque trata de dúas persoas que non cren no imposible e apostan por intentalo. O profesor de educación física, Juan Díaz, e o seu alumno, Adrián Torrado, falaron con nós porque queren que coñezades de primeira man que a educación escolar pode crear uns vínculos para toda a vida. Profesor e alumno, xuntos, en equipo, tras anos de esforzo, de constancia, de traballo, de dedicación e tamén din, de moito sufrimento, lograron rachar moitas barreiras e eliminar do seu argot expresións fatalistas como `non se pode´ e `non é posible´ por outra máis alentadora como é `VAMOS´.

Juan Díaz chega no ano 2000 ao colexio Maximino Romero de Baio, no concello de Zas. Alí atópase cun alumno de 12 anos que está exento de materia de educación física porque, tras ter unha meninxite neonatal, quedou afectado cunha parálise cerebral, producíndolle efectos como escasa ou nula mobilidade corporal, sobrepeso e unhas limitacións físicas que o tiñan nunha cadeira de rodas. Juan sempre pensou que estes antecedentes non eran motivo para non facer exercicio. Falou con Adrián, co outro profesor de educación física, Marco, coa dirección do centro, cos seus pais e tamén co seu equipo médico. Todos e todas coincidiron na necesidade de cambiar a vida do seu alumno.

A partir de agora, Adrián non saberá en anos escolares o que é ter un recreo, a celebración dunha festa no colexio ou participar nunha excursión. Durante os 13 anos que decidiu apostar pola súa rehabilitación, tiña unha cita diaria no ximnasio para o adestramento deportivo, como se se tratase dun deportista de alta competición. Parafraseando a serie dos anos 80 Fama, `empezou a pagar con suor´ a mellora da súa calidade de vida.

O exercicio empezou sobre colchóns esparexidos polo chan a modo de tatami, con Adrián arrastrándose sobre eles, con movementos de xiros, boca arriba, boca abaixo,... e aos 2 ou 3 meses xorde a idea de poñelo a camiñar con estabilizadores de xeonllo e bastóns de trípode. Foi un camiño longo, tortuoso e lento. “Chegaba rebentado”, expresaba Adrián para explicar o ritmo das clases, “na ESO, cando empezábamos a saír cos amigos, eu ía para cama a descansar. Non me daba o corpo, tiña que recuperar para estar activo ao cen por cen o luns”.

 

As rutinas de exercicios, a constancia, o esforzo, sen deixar de lado a grande implicación do equipo docente e directivo do centro escolar, así como da familia e do equipo médico, foron permitindo que Adrián mellorara pouco a pouco a mobilidade. “Chegou a estar de pé, camiñando sen ningún tipo de axuda”, explicaba con orgullo Juan. Con 16 anos Adrián cambiou a cadeira de rodas por bastóns e agora usa andador. “Imaxina que a primeira vez que me puxen de pé foi con 13 anos, antes nunca o fixera, gateaba”, explica. E os dous tamén lembran o momento no que sae ao patio camiñando e escoitaron os aplausos e choros de emoción de compañeiros e profesorado.

Agora, este equipo quere que a súa historia sexa coñecida por futuros profesionais do deporte, estudantes de INEF e por foros especializados na rehabilitación. Que Adrián hoxe en día poida camiñar non é un milagre, como el mesmo recorda “Teño unha frase que sempre me dicía Juan e é que aquí vense a traballar, non a chorar”. Os vínculos que se forxaron entre os dous sábeno eles “non o considero profesor, considéroo familia porque vivimos só o sabemos e máis eu, foron moitas horas xuntos”. Para rematar, quedamos cunha reflexión de Juan “tes que pelexar por ter posibilidades de elixir, a partir de aí, verei se o fago ou non. Adrián elixiu o esforzo”.