• Xeral
  • 15 de junio de 2022

María Ángeles Picos: “hai que formarse porque o mercado cada vez pídeche máis”

María Ángeles Picos González, natural do concello de San Sadurniño, coñeceu COGAMI despois de ser derivada pola oficina de emprego á que acudiu para solicitar volver ao mercado laboral. O corpo de María Ángeles pediu parar, unha pausa necesaria para recuperarse dunha enfermidade. O que María Ángeles descoñecía era que a volta xa non ía ser como antes. Despois de case dous anos de baixa laboral, obtivo unha incapacidade para a profesión que durante vinte anos exerceu, imposibilitándoa a seguir traballando no sector de axuda a domicilio e atención en xeriátricos.

Con esta incapacidade, María Ángeles percibía unha pensión de 490 euros mensuais “cos que non vas a lado ningún, esta pensión non me daba para vivir”, expresaba. Non lle quedou outra que volver reformular a súa vida laboral, con 50 anos cumpridos, para poder retornar ao mercado laboral o antes posible.

Tras apuntarse e entrar a formar parte da base de datos como demandante de emprego do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL), a profesional de orientación informouna que estaba a piques de iniciar un curso de administrativo en Ferrol. Apuntouse e rematouno axeitadamente ao mesmo tempo que, pola súa conta,  decidiu ampliar estudos matriculándose nun ciclo medio de administrativo. “Acostumada a traballar sempre no mesmo, non che queda máis remedio que reciclarte para volver traballar porque no que traballaba antes, agora xa non podía”, explicaba María Ángeles.

Aos quince días de remate do curso, acode a dúas entrevistas de traballo, as dúas pasounas axeitadamente, tendo que escoller a que mellor se lle adaptaba. Agora, acaba de asinar un contrato indefinido na residencia ferrolá Mi Casa, onde traballa como recepcionista e auxiliar administrativo. Curiosamente, volve traballar nun sector amplamente coñecido para ela, aínda que con funcións diferentes. “O sector segue sendo o mesmo, gústame moito a relación coas persoas maiores, cambiei de posto, pero sigo no sector”, di María Ángeles, quen remata dicindo que nin os anos, nin vivir nunha zona con menos oportunidades poden ser impedimento para conseguir unha meta.  “Eu sempre digo que se tes ganas de traballar, malo será que non atopes algo” apunta e remata tamén aludindo á importancia de formarse porque “o mercado cada vez pídeche máis”.