Unha situación persoal levou a Domingo Pérez a contactar con COGAMI nas instalacións de Lugo, o seu lugar de residencia. “Aquí prestáronme asesoramento e axudáronme a resolver un tema que tiña”, explica Domingo, ademais de ter a oportunidade de coñecer o labor que desenvolve a Organización na cidade.
Na conversa coa profesional de COGAMI Domingo soubo que a Confederación conta cun servizo de voluntariado e que, no caso de querer formar parte del, podían ofrecerlle información máis detallada do funcionamento do servizo, como se recolle nesta guía que podes descargar aquí.
A Domingo interesoulle o que leu e o que lle contaron e, dende hai oito meses, é unha das máis de mil persoas voluntarias que forman a bolsa de voluntariado de COGAMI. Colabora prestando apoio ás persoas do centro de Fingoi. “Destacaría a sensación tanto persoal como a satisfacción que se sente ao recibir unha resposta positiva, tanto de compañeiras e compañeiros como de profesionais”, comenta Domingo.
Engade que para ser unha persoa voluntaria “non creo que fagan falla unhas calidades específicas, pero si certa capacidade de empatía, disposición e deixarse axudar e asesorar por profesionais”, afirma despois de confesarnos que ao principio amosou certo respecto ante a posibilidade de crerse incapaz de poder colaborar.
Para rematar, anima a todas as persoas a facerse voluntarias porque, na súa opinión “sénteste mellor contigo mesmo, dáslle menos importancia aos problemas que habitualmente temos no día a día e tamén, sacoume moitos sorrisos”.
Se ti tamén queres ser unha persoa voluntaria en COGAMI, podes contactar co teléfono 981 574 698.