O que iniciou sendo unha relación comercial, onde COGAMI precisaba contratar os servizos dunha autoescola para que quince persoas con discapacidade puideran prepararse para obter o carné de manexo de autobús, terminou sendo unha relación de colaboración.
Hai nove anos, o servizo de emprego de COGAMI en Ferrol contactou coa autoescola Madrid-París para impartir un curso para obter o carné clase D+CAP e poder conducir vehículos de máis de nove prazas. Neste curso formáronse 15 persoas de Ferrolterra quen, segundo Pablo Pérez, xerente da autoescola “foi unha experiencia boa porque a maioría superaron o curso e están traballando”.
A raíz desta formación, a autoescola comezou a contar cos servizo de emprego de COGAMI cando necesitaron contratar persoal para a empresa. “Trasladámoslle o perfil da persoa que buscabamos para cubrir o posto demandado, neste caso un auxiliar administrativo, dende o servizo de emprego remitíronos varios curriculums e nós decidimos apostar por Nerea, que xa leva medio ano con nós”, explica Pablo.
Nerea Pita estaba preparando oposicións pero, por motivos persoais, tivo que deixalas. Neste período, unha amiga faloulle de COGAMI e concertou unha entrevista co servizo de emprego. Nerea precisaba traballar a media xornada porque ten que coidar da súa avoa, unha exixencia que non podía alterar, ademais de que ten que acudir con frecuencia a citas médicas, xa que é unha persoa con discapacidade orgánica. “Teño esclerose múltiple”, di Nerea, “teño bastantes revisións médicas, polo que tiña medo que isto puidera ser un impedimento para traballar”.
Nerea temía de que as súas prioridades vitais lle afectaran ao laboral. Ao pouco de apuntarse como demandante de emprego na base de datos de COGAMI, “chamáronme a dúas entrevistas nun curto espazo de tempo”, explica Nerea, quen engade que “tiven un presentimento e decidín escoller na que estou”. E semella que este presentimento non a traizoou. Nerea di estar “súper contenta” por esta oportunidade que lle brindou a empresa.